Premios do Deporte galego

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou durante a entrega dos Premios do Deporte Galego, o papel esencial dos deportistas na difusión dun dos valores que fan grande Galicia: a superación.

Nesta liña, referiuse ao club Amfiv, galardoado como mellor equipo de deportistas con discapacidade, que superou a frustración de perder tres finais europea pero que se alzou este ano co título. “Trátase dun ouro merecido e que reafirma o que todos xa sabiamos: que é un equipo de campións”, dixo, destacando tamén, nesa mesma disciplina, a David Mouriz e Agustín Alejos, que en 2016 fixeron historia ao conseguir unha prata paralímpica.

“Tamén é unha campioa a triatleta Susana Rodríguez Gacio que, nos últimos dous anos, conseguiu tres grandes vitorias: campioa de España de tríatlon, campioa do mundo de dúatlon e a primeira galega en licenciarse en Medicina con menos dun 7% de visión”, recordou, ao que engadiu que todos eles exemplifican que, con espírito de superación e forza de vontade, os retos de maiores dimensións poden lograrse.

En relación ao equipo de Hóckey Club Liceo e ao Club Halterofilia Coruña, Feijóo aseverou que son un referente para moitos galegos que queren dedicarse a eses deportes que non sempre saen nos medios de comunicación, como o son tamén a judoka María Bernabeu e o piragüista Cristian Toro.

“Grazas ao exemplo de todos eles, ducias de rapaces compiten, gañan ou perden pero, sobre todo, aprenden cada día practicando disciplinas como o hóckey, o judo, a piragua ou o levantamento de peso”, abundou, destacando o recoñecemento a Irene Blanco, galardoada co premio á mellor deportista revelación “e que promete darlle grandes éxitos á halterofilia galega”.

En relación aos equipos de deporte base que axudan aos rapaces, desde prebenxamín ata xuvenil, a canalizar os seus soños a través do deporte, o titular da Xunta resaltou o premio ao Victoria Club de Fútbol, que o ano pasado formou máis de 500 deportistas nos seus case 30 equipos, en todas as categorías.

“Cada equipo de deporte base, ao igual que cada deportista profesional, ten un sherpa que o axuda a chegar ás máis altas cotas: o seu adestrador. E, hoxe recolle un merecido premio Rosa García, unha figura clave na traxectoria de moitos grandes e pequenos patinadores galegos”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o labor que desempeñan os árbitros, destacando a traxectoria e dedicación do árbitro galardoado Francisco Jorge García.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar