Baltar recibe en Ourense a empresarios chineses

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a unha delegación de quince empresarios chineses, que visitan estes días a provincia de Ourense explorando posibilidades de mercado nos principais sectores de actividades económica ourensá. A Deputación de Ourense organiza esta misión empresarial, que ten como obxectivo “favorecer os contactos económicos entre empresas ourensás e chinesas e impulsar alianzas estratéxicas nos ámbitos dos sectores punteiros da economía, así como no académico e no tecnolóxico”, explicou Manuel Baltar ao remate da reunión.

No marco deste encontro, o presidente da Deputación asinou un acordo de colaboración co vicepresidente da EMBA International Council, Liu Fuchu, asociación chinesa na que están integradas máis de 200.000 empresas, con presenza diferentes países asiáticos, e que amosaron o seu interese por ámbitos como o agroalimentario, o tecnolóxico e o turístico, entre outros, da provincia de Ourense.

“Recibir a visita desta delegación de empresarios de China, país cun mercado moi potente e de grande interese para a nosa provincia, supón unha xornada importante de apoio ás empresas e Ourense”, afirmou Manuel Baltar, engadindo que os empresarios chineses estableceron estes días contactos con empresas de sectores punteiros da provincia de Ourense para explorar iniciativas de colaboración e estudar posibles oportunidades de negocio”.

Manuel Baltar agradeceu a visita e destacou a sinatura do acordo de colaboración que asinou co vicepresidente executivo de EMBA International Council, Liu Fuchu, para impulsar unha alianza estratéxica entre a Deputación de Ourense e a EMBA “co fin de favorecer unha relación duradeira e estable e a prol de iniciativas de mutuo progreso económico e social”. O presidente do goberno provincial remarcou que a Deputación de Ourense avala, promove e organiza este tipo de reunións e encontros empresariais que seguramente xerarán maior riqueza e emprego para a nosa provincia”.

“Promover este tipo de acordos vai na liña marcada polo goberno provincial de apoio á internacionalización e á apertura de novos mercados para as empresas da nosa provincia, co obxectivo de achegar maior competitividade, riqueza e emprego ao noso territorio provincial”, subliñou Manuel Baltar.

Pola súa banda, Lui Fuchu destacou que esta visita a Ourense “abre importantes posibilidades” e transmitiulle a Manuel Baltar “a sorprendente beleza natural e ambiental que descubriron na provincia de Ourense”, territorio que definiu coas palabras “montaña, auga e o verde do seu medio natural”, tres conceptos que atraeron o interese da delegación empresarial chinesa.

Ámbitos como a transferencia tecnolóxica, o termalismo, a cultura e a educación tamén formaron parte da axenda da reunión do presidente provincial cos empresarios chineses, quen entes días seguen a percorrer diferentes comarcas da provincia para coñecer proxectos empresariais novidosos para o mercado asiático.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar