O proxecto «Raia Termal», exemplo de «cooperación turística e medioambiental»

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, na xornada de lanzamento do proxecto «Raia Termal», que esta iniciativa entre Ourense e Portugal «é un exemplo de cooperación no ámbito termal, turístico e medioambiental». A xornada, presentada no marco do Foro «La Región» no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», expuxo os obxectivo do proxecto, baseados en crear unha rede entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal de ámbolos dous territorios.

Manuel Baltar e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, inauguraron a xornada, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, na que tamén participaron os alcaldes dos concellos e cámaras portuguesas que forman parte desta acción transfronteiriza. Por parte de Ourense, os rexedores locais de Bande, Lobios, Cortegada e Muíños, mentres que por parte de Portugal, os representantes de Melgaço e Terras do Bouro.

O presidente do goberno provincial destacou que o termalismo e o turismo «unen con obxectivos comúns aos catro concellos ourensáns implicados neste proxecto e ao Norte de Portugal», e agradeceu á CHMS «a iniciativa de poñer en marcha este proxecto que a Deputación de Ourense apoiou desde o seu inicio, porque se trata de recuperar contornas naturais, mellorar a calidade das augas, achegar novas infraestruturas e seguir potenciando o termalismo que temos neste territorio. Todo elo, no marco dun proxecto que ascende de 2,6 millóns de euros para seguir achegando riqueza no ámbito termal e continuar coa aposta por un turismo natural e de calidade».

Manuel Baltar lembrou o potencial e o liderado da provincia de Ourense no ámbito termal, así como o desenvolvemento do Plan «Ourense, a provincia termal», que estamos a levar a cabo entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, ademais de facer valer a nosa posición en Europa en organismos como Partenalia ou a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais».

Pola súa parte, Francisco Marín explicou o posicionamento da CHMS no marco deste proxecto, «vencellado ao termalismo e ao turismo, dinamizador da provincia», e destacou que as áreas termais «sitúanse normalmente nas contornas fluviais, polo que debemos controlar o bo estado das augas. Con isto, a mellora medioambiental repercutirá favorablemente no seu turismo». «O éxito do proxecto –remarcou Marín- está en que foi o primeiro paso para vertebrar un territorio transfronteirizo sobre a súa riqueza termal».

O investimento total do proxecto é de 2.659.767 euros, dos cales o 75 % será cofinanciado con fondos FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O proxecto iniciouse en marzo do 2015 coa sinatura dun protocolo entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da CHMS, Francisco Marín, e os alcaldes de Bande, Cortegada, Lobios, Muíños, José Antonio Armada, Avelino de Francisco, Mª del Carmen Yáñez e Plácido Álvares, respectivamente, ademais dos representantes das cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro.

A zona de actuación abrangue o sur da provincia de Ourense e o Norte de Portugal, concretamente, o espazo entre os ríos Miño e Limia, que delimitan os dous núcleos termais do destino «Raia Termal». A maioría destes municipios están afectados pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, declarada como tal no 2009 pola UNESCO, abranguendo 267.958 hectáreas de territorio protexido en dous espazos naturais divididos pola fronteira, pero unidos polas características da natureza e a cultura.

O slogan do proxecto «Raia Termal: un destino en dos países», resume o carácter transfronteirizo do proxecto e a necesidade de cooperación a ambos lados da fronteira na procura dun obxectivo común. O proxecto pretende a implantación de actuacións e a promoción do termalismo sen particularidades territoriais, sendo a cooperación a súa máxima expresión, coa creación dunha estrutura de xestión transfronteiriza para potenciar o turismo termal de fronteira e coordinar estratexias e acción de promoción do Destino Turístico Termal.

Os resultados que se pretenden lograr con este proxecto están encamiñados á recuperación medioambiental e posta en valor das contornas naturais, recuperación patrimonial de edificacións termais de singular valor, promoción turística e dinamización económica da zona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar