A CRTVG estrea unha programación especial de Nadal para a familia

Inmersos nos preparativos das festas máis agardadas do ano, a CRTVG pon en marcha unha programación especial con contidos dirixidos a toda a familia. Un amplo abano de espazos en que a tradición, a música, o humor, a gastronomía, concursos e programas adaptados aos máis pequenos da casa contribuirán a que a celebración e a ilusión sexa completa nestas datas en todos os fogares.

Co lema de fondo “O Verdadeiro Agasallo”, este martes se estrea amais a campaña de Nadal dos medios públicos galegos, con cortiniñas e spots que serven de fío condutor á programación especial da TVG e da Radio Galega. Nas diferentes promocións cóntanse historias de amizade, familia e esperanza que se desenvolven a través de conversas de móbil por mensaxería instantánea. A canción gañadora do concurso da CRTVG ‘Cando chega o Nadal’, dos rapaces do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, pon música nesta campaña de Nadal.

A Radio Galega acompañará a súa programación habitual do carácter festivo destas datas para celebrar o Nadal cos seus oíntes. Cómpre destacar que todas as madrugadas, o espazo “Pensando en Ti” estará en directo cos seus seguidores. Por outra parte, por vez primeira, a emisora pública galega ofrecerá para toda Galicia a quinta edición do certame solidario “A Radio Conta”, cuxos beneficios se destinarán a Aspace Coruña. Nesta gala participan as emisoras públicas e privadas da Coruña.

 

NADAL DE LARPEIROS

 

Esta noite, a edición de “Larpeiros Especial Nadal” será o punto de partida da programación festiva. O programa culinario, co mestre Benigno á cabeza, proporá unha serie de receitas para que os espectadores poidan tomar nota dun menú festivo ben espectacular. A continuación, con “O mellor percebe do mundo”, a TVG percorrerá a costa para descubrir os segredos dun dos mariscos máis emblemáticos de Galicia.

Ademais da gastronomía, outro dos aspectos que máis coidamos os galegos nestas festas é o adorno ornamental das casas e das mesas. Por iso, o espazo “Que Casas!” (20 e 27 de decembro) dedicaralle dúas edicións á decoración especial de Nadal.

Tras a cobertura o xoves das Eleccións catalás, en que os medios públicos realizarán un seguimento e ofrecerán unha programación especial ao longo de toda a xornada, as redaccións da TVG e da Radio Galega estarán preparadas o 22, ben cedo, para ofrecer o Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal en directo e chegar a calquera dos agraciados con premios en Galicia.

A TVG tampouco se esquecerá das auténticas estrelas do Nadal, os máis pequenos da casa, e ofrecerá espazos en que os rapaces son os protagonistas. Así, desde o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro, “Coma un Allo” adaptará o seu formato para que concursen nenos de 9 e 10 anos. Serán 10 programas, presentados por Bernardo Montaña, que contarán como expertos co actor Axel Fernández e coa compostelá Paloma Fernández-Olivares Pintos, coñecida polo seu paso por un concurso televisivo. Tamén os sábados de Nadal os nenos competirán en horario de noite en “Pequenos Fenómenos” (23, 30 e 6 de xaneiro). Xosé Manuel Piñeiro capitaneará este concurso musical infantil en que 16 rapaces procedentes de toda Galicia sorprenderán á audiencia coas súas artes interpretativas.

NOITEBOA CON “LAND ROBER TUNAI SHOW”

 

Despois da tradicional mensaxe do rei Felipe VI, a Galega ofrecerá un “Land Rober Tunai Show” moi especial en Noiteboa. Nesta velada tan familiar, o programa encherá de ritmo, sorpresas e troula o seu estudio, coas participacións estelares de David Perdomo, Carlos Roma e o grupo De Vacas.

O día de Nadal volve “Alalá” con máis enerxía ca nunca e coa alegría que transmite a música tradicional galega. Nesta ocasión, o espazo que presenta Pilar G. Rego convidará os espectadores a unha Foliada no Mosteiro de Carboeiro, en que participarán algúns dos grupos máis potentes e divertidos do panorama actual, como son As Tanxugueiras, Pandereteiras Sen Fronteiras, Cantigas e Agarimos, Novo Aires da Terra, Os Melidaos e Os D’Abaixo.

Tras esta edición de “Alalá”, seguirán os cantos galegos na TVG a través do especial “Treixadura con Amor”, dedicado a este grupo mítico da música tradicional da terra, cun percorrido polos temas máis coñecidos da formación.

Na noite do martes 26, a canle pública sairá á procura de “A mellor cea do mundo” e viaxará por toda Galicia para coñecer os segredos dos produtos estrela destas festas.

A xornada dos Santos Inocentes non podería quedar en mellores mans que nas do equipo de “Land Rober”, que proporán unha noite chea de xogos, sorrisos e bromas. Os espectadores deberán adiviñar cales das historias que contarán caras coñecidas da canle autonómica, como María Mera, Xosé R. Gayoso, Luís Iglesia e Adrián Díaz, son verdade e cales son puro invento.

Como é costume, o día 30 os medios públicos galegos ofrecerán en directo o acto solemne de Translación dos Restos do Apóstolo desde a catedral de Santiago de Compostela.

 

AS BADALADAS, CON GAYOSO

 

O 31 de decembro, os servizos informativos de Televisión de Galicia emitirán o discurso de fin de ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como un programa co resumo das noticias do ano. A continuación, na gala de fin de ano, os mestres de cerimonias Xosé Ramón Gayoso e Eva Iglesias darán paso a un especial cheo de artistas e ritmos moi bailables. Astarot, Marta Sánchez, Los Chunguitos, Azúcar Moreno, Treixadura, Heredeiros da Crus, e as orquestras París de Noia, Panorama, Olympus, Cinema e El Combo Dominicano, entre outros artistas, converterán en inesquecible esta noite. Para darlle a benvida ao 2018, a TVG retransmitirá as badaladas da torre Berenguela da catedral de Santiago, onde Gayoso estará acompañado da actriz Lucía Regueiro e o xornalista Rodrigo Vázquez.

A primeira xornada de 2018, “Alalá” volverá á TVG cunha proposta moi especial, unha viaxe musical a través das cancións galegas máis emotivas. Entre outros artistas contarase coas interpretacións de Treixadura, A Quenlla, Cantigas e Agarimos, A Roda, Pablo Carpintero, De Vacas e o coro Gli Appassionati.

Na tardiña do 5 de xaneiro, os medios públicos achegaranse ata A Coruña para transmitirlles a todos os nenos e nenas a ilusión da chegada das Maxestades de Oriente a Galicia e a tradicional cabalgata de Reis. Do mesmo xeito, a TVG fará conexións co resto das cidades galegas. Cómpre salientar que a CRTVG participará un ano máis na cabalgata da Coruña cun autobús, en que viaxarán o Xabarín e os divertidos Bolechas.

O portal web e os perfís da CRTVG nas redes sociais seguirán de preto a programación diaria dos medios públicos galegos, así como a actualidade máis destacada ao longo de todo o Nadal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar