O Observatorio Económico Ourensán sostén a especialización das doce comarcas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo-Campus de Ourense Andrés Mazaira, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, referido á actividade económica por comarcas da provincia de Ourense, no que destaca que sete sectores sosteñen a especialización económica e laboral das comarcas de Ourense.

Manuel Baltar afirmou que o Observatorio “acada neste informe o máis amplo mapa de especialización económica das provincias, con datos de 13 sectores de actividade que teñen presenza nas 12 comarcas ourensás”; e destacou o peso de sectores como primario, público, comercio, transporte ou hostalería”, así como a importancia que terá, no horizonte de 2020, “á evolución do emprego tecnolóxico na provincia de Ourense”

O informe do Observatorio subliña precisamente ao Comercio como “motor das economías transfronteirizas”, situando o núcleo da industria da Automoción en Ourense e Valdeorras, e do sector Madeira e Mobles en Terras de Celanova, Carballiño e Valdeorras. Asemade, os índices de especialización máis elevados do sector Primario están en Caldelas, Trives e A Limia, mentres que a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta parte do emprego.

Desagregación inédita

Por primeira vez na análise e na interpretación estatística da provincia de Ourense, o Observatorio Económico Ourensán consegue identificar a posición e o protagonismo local que teñen trece sectores básicos da economía. Logra unha inédita desagregación comarcal que cuadruplica os niveis de estudo habituais -un máximo de tres sectores- dos traballos académicos ou de divulgación sobre a especialización sectorial dos territorios.

A primeira conclusión que extrae o Observatorio é que os trece sectores analizados teñen presenza en cada unha das doce comarcas ourensás, agás a industria extractiva en Terra de Caldelas e a fabricación de materiais de transporte (automoción) e grandes reparacións industriais en Terra de Trives.

Como segunda conclusión, a especialización económica e laboral da provincia de Ourense está plenamente baseada en sete sectores ou grupos de profesións, que son por orde decrecente os seguintes: o emprego público (inclúe o ensino, a sanidade, outros servizos e os postos xerados polas administracións); o comercio; a suma do transporte e da hostalería (comparten epígrafe estatístico); o sector primario; a construción; a industria extractiva; e o grupo das actividades de información, finanzas e servizos inmobiliarios e profesionais.

É dicir, entre os sectores analizados os que achegan un menor grao de especialización económica son a metalurxia e os produtos metálicos, eléctricos, electroquímicos e maquinaria; o grupo da madeira, mobles e papel; a fabricación de materiais de transporte e grandes reparacións industriais; a industria agroalimentaria; o resto da industria; e a enerxía, subministro de auga e xestión de residuos. Ningunha destas actividades figura entre as tres máis representativas de cada unha das comarcas de Ourense.

O comercio continúa a ser o primeiro motor das economías transfronteirizas, cunha excepción, a da Baixa Limia, polo desprazamento do núcleo desta actividade cara a comarca da que ten unha notable dependencia, Terras de Celanova. Deste xeito, os maiores índices de concentración do sector do comercio danse en Verín, Terras de Celanova e A Limia, aínda que con amplas diferenzas entre eles: en Verín impulsa o 29,9 % de todo o emprego comarcal, en Terras de Celanova o 20,1 % e na Limia o 19,9 %.

Ao ver desprazado o efecto transfronteirizo das actividades comerciais, a economía da Baixa Limia atopou refuxio laboral na hostalería, na que presenta a máis forte especialización de toda a provincia, xa que desa actividade (e máis da achega do sector do transporte) dependen un de cada catro empregos nesta zona fronteiriza con Portugal. Carballiño e Allariz-Maceda completan o liderado ourensán da hostalería, nos dous casos en niveis próximos ao 20 % na equivalencia sobre o emprego total.

Agroalimentación

A pesares da compoñente estratéxica da industria agroalimentaria e da captación de investimentos empresariais nos últimos anos, este sector aínda non se achega aos niveis desexables en posicionamento comarcal para acelerar o crecemento económico nas zonas rurais. Desde o enfoque da especialización sectorial, ten fortaleza no Ribeiro e de xeito moito máis moderado en Terra de Caldelas e Verín.

Dentro da industria, a automoción fixa o seu núcleo central en Ourense e Valdeorras. En Terra de Caldelas, por ser un mercado laboral cativo, as estatísticas tamén lle confiren á automoción e ás grandes reparacións industriais un peso relativo alto, en liña cos de Ourense e Valdeorras. Na metalurxia e produtos afíns, os pesos relativos máis significativos están asinados polas comarcas de Carballiño, Terras de Caldelas e Viana. Na industria da madeira, mobles e papel, o liderado é propiedade de Terras de Celanova, Carballiño e Valdeorras; e nas enerxías, subministro de auga e xestión de residuos, localízase en Valdeorras, Allariz-Maceda e Viana, si ben con cativas aportacións na creación de postos de traballo.

No que atinxe á construción, na área comarcal de Ourense xa só impulsa 1 de cada 15 empregos, a proporción máis baixa da provincia (6,8 %), seguida do 8 % de Valdeorras e do 8,7 % de Terras de Caldelas. Sen embargo, este sector segue a ter un peso relativo alto en Terras de Celanova –onde sostén 1 de cada 6 postos de traballo-, e en Viana e na Baixa Limia, con proporcións comparables á de Terras de Celanova.

Xa no sector primario, os índices de especialización máis elevados sitúanse en Caldelas, Trives e A Limia, en aberto contraste cos das comarcas de Ourense, Valdeorras e Carballiño, onde xa só impulsa entre o 1,8 % e o 5,5 % do emprego. A agricultura, gandería e silvicultura tamén presentan, no laboral, un peso relativo inferior ao 10 % en Verín, Celanova e O Ribeiro. Pola súa banda, a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta parte do emprego. O Observatorio só identifica índices de especialización superiores ao da lousa en Valdeorras na comarca de Ourense, co 35,7 % no ensino, sanidade, outros servizos e emprego das Administracións; en Verín, co 29,9 % de peso relativo do comercio; en Terra de Caldelas, co 27,1 % no sector primario; e en Trives e no Ribeiro, que comparten niveis do 24,6 % tamén no ensino, sanidade, outros servizos e Administracións. O resto dos rexistros da provincia que amosan unha dependencia dun único sector superior ao 20 % son os do sector primario en Trives (21,7 %) e A Limia (20,5 %), os do comercio en Celanova (20,1 %) e A Limia (20 %) e o da hostalería e máis o transporte na Baixa Limia (21,7 %).

Ao compartir epígrafe de estudo con ramas de tanta dimensión laboral como a sanidade e o ensino, o emprego ligado ás administracións figura como o primeiro xerador de emprego en nove das doce comarcas da provincia. Unicamente na Limia, Verín e Viana esa suma de actividades pondera por debaixo do 20 %.

Nos servizos, a análise desagregada permite comprobar como se está a estender o debilitamento das profesións vinculadas á información, ás finanzas e aos servizos inmobiliarios e profesionais. En Terras de Caldelas apenas permiten fixar o 1 % de todo o emprego local, e en Trives e A Baixa Limia pouco máis do 2,5 %. O contrapunto leva o nome da comarca de Ourense, onde xa é un dos tres sectores con maior especialización, xunto co sector público e o comercio. Atribúese 1 de cada 7 empregos, é dicir, o 13,6 % do total. Para ver os seguintes rexistros máis elevados hai que descender ata o 6,8 % que acada ese grupo de profesións en Carballiño ou ata o 5,9 % de Valdeorras.

Especializacións sectoriais

Á hora de definir o mapa provincial das especializacións sectoriais, o Observatorio Económico Ourensán aínda fai posible abordar outro novidoso ámbito de estudo: o das máis fondas desviacións -tanto positivas como negativas- con respecto dos valores medios da provincia. Así, encabezan ese particular ránking Caldelas, Trives e A Limia, debido á súa gran dependencia do sector primario. Caldelas sobrepasa en 22,4 puntos porcentuais o nivel medio provincial de especialización na agricultura e gandería (que está no 4,7 %), Trives en 17 puntos e A Limia en 15,8 puntos.

Verín está case 12 puntos por enriba da media ourensá de especialización no sector do comercio, Celanova nove puntos no da construción e O Ribeiro oito puntos no da industria agroalimentaria. Nas desviacións de trazo negativo, por transitar por debaixo das medias provinciais, só hai desequilibrios a dobre díxito na dependencia do sector público: A Limia figura 12,2 puntos por baixo da media da provincia, Verín 10,6, Viana 10,2 e Valdeorras 10,1 puntos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar