Os ríos non son o que eran

Teño dito que nos perdemos en problemas pequenos, de diario, sen pararnos a pensar nos verdadeiramente importantes. Pero isto non nos ocorre só ás xentes do común, as que temos problemas propios e familiares, senón mesmo aos que eliximos para que nos gobernen e se preocupen polos temas comunitarios.

         Por exemplo, en Galicia tiñamos que ter un comité permanente que estudiase e tomase medidas para deter o envellecemento da poboación e a despoboación do rural. E deberíamos preocuparnos seriamente polo problema da auga.

         O problema da auga en Galicia, é relativamente novo. Porque sempre tivemos a idea de que este era un país case acuático, medio rodeado por centos de kilómetros de praias, máis dunha ducia de ríos importantes, cunha rede de centos de ríos máis pequenos, e lagoas, e pantanos… un país no que non hai máis que picar uns metros para que brote auga a borbollón.

         Isto, ata o de agora, ata o cambio climático, ou como se lle queira chamar a este tempo bonancible que disfrutamos, a estes invernos nos que case non neva, a este outono no que non chove e as prantas andan a brotar porque pola temperatura coidan que chegou a primavera, onde os illós non abren, os embalses secan, onde hai que prohibir usar a auga para regar, onde miramos nas  televisións os pronósticos do tempo coa mesma fe que en tempos se facían rogativas para impetrar ao ceo que empezase a chover.

         No concello de Lugo manéxase un plan de emergencias no que aparece a referencia de que na cidade non hai problema de abastecemento desde que se construíu a presa situada frente a depuradora. Pero para que siga afluíndo auga polo río ten que chover aló pola Serra de Meira, logo pola Terra Chá, e por fin que chegue a Lugo para poder embalsala e que Lugo poida beber.

         Por algo, desde hai séculos, as poboacións se construiron á beira dos ríos, para acudir ás súas augas  e poder vivir a un ritmo normal. Pero os ríos, estes tempos, xa non son o que eran. Hai que empezar a preocuparse. En tempos, enchéronse de pantanos, para a produción de enerxía eléctrica. Os responsables públicos teñen un tema importante no que, por se acaso, deben pensar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar