Bautista de San Amaro

 

Foi un dos puntais nos que se apoiou o nacionalismo galego ao longo dos últimos cincuenta anos, un político de raza, de corazón, de formación e de pensamento, convencido de que o mundo pode e debe ser outra cousa, igual que Galicia ten que ser outra cousa. Bautista Álvarez Domínguez, da parroquia de San Cibrao de Las, no Concello de San Amaro, morreu e deixa un baleiro grande, grande, grande… enorme. O día do enterro, varios dos seus amigos, camaradas e dirixentes da UPG dicían con convicción que non era certo, que seguía vivo e que seguiría vivo para sempre. Paco Rodríguez, Lois Diéguez, Néstor Rego, Pilar García Negro e Ana Pontón choraban. Os outros e outras presentes naquel outeiro, ao carón do castro, do cadaleito e preto do cemiterio, tamén.
Da súa aldea natal, Loucia, foi para o Seminario de Ourense e despois para Madrid, onde desenvolveu unha intensa actividade cultural e política. Un revolucionario preso

en varias ocasións polo réxime franquista, polos inimigos do pobo, por defender, con sabedoría, valentía, bravura, coraxe e valor, as ideas nas que cría. Bautista era un home de valores, un home de ben, sempre do lado dos humildes, un irmán do pobo, que «debe ser quen mande e quen ordene».

Constitúe con outros amigos o grupo Brais Pinto e, despois, participa na fundación do Unión do Pobo Galego (UPG), o partido ao que dedicou o resto da súa vida. Polos anos setenta, andaba por Santiago de Compostela como o patriarca do saber, o mestre e o amigo que ensinaba aos novos a mirar para o futuro, pensando primeiro no colectivo, no futuro do país, e sabendo que «se este é próspero, florecerá o de cadaquén». Dende a praza de San Miguel ao bar Ferrol, na Fonte de Santo Antonio, e dende O Ferrol ata San Miguel, dúas voltas cada día, en solitario.

Solitario toda a vida, un líder disposto e ao servizo dos outros sen aparentemente sufrila soidade, sen triunfalismos e sen tristeza, a pesar do seu carácter melancólico; rebelde e inconformista nestes tempos, nos que apalpaba coas súas mans a inxustiza social e o desamor. Finou na residencia de Beariz, onde vivía coa súa irmá, a poucos quilómetros da casa, ao lado de San Amaro. Agora, cuberto de gloria, xa forma parte da memoria colectiva. Ata sempre, amigo!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar