Cadaquén, no seu camiño

 

Xa está na porta de entrada o 2018, un ano que vén vinte e cinco despois dun dos grandes anos para o desenvolvemento de Galicia, o do Xacobeo 93, o ano do Pelegrín, cando Galicia entrou no mapa do mundo, por mor dun Camiño e dun proxecto deseñado para avanzar. Alá van vinte e cinco anos e parece que foi onte cando andaba o conselleiro Portomeñe, erre que erre, por aquí e por acolá, para arriba e para abaixo, para a dereita e para a esquerda, facendo país, ensinándolle ao mundo enteiro onde está Compostela e por onde se chega a esa cidade do Apóstolo, que é a mesma cidade universal da cultura, do patrimonio, das artes e das letras, das ciencias, da Universidade e da investigación. Santiago é, en case tódolos ámbitos, a cidade completa e, se miramos para a pedra, para a auga, a arte e a xente, vémola perfecta.

Está na porta de entrada o 2018 e nós, todos entramos nese ano descasados, pensativos e coa ilusión renovada, despois de vinte e cinco primaveras e outros tantos invernos, falando e avanzando como peregrinos que teñen ben definida a meta e ao Santo por guieiro, dende o Altar Maior da Catedral ao alto do monte Aloia, no Sur da serra do Galiñeiro; dende o Caurel ou Monte Rei á Corticela e dende a praia das Catedrais ao faro de Fisterra, recordando outros camiños, avanzando e soñando.

O Santo, encantado, teso e solidario, fai de guieiro e faino ben. É un recadador excepcional, un magnífico conversador calado. Máis de mil anos de experiencia fan que este e outros do seu igual saiban canto vale un peite, para peitear ao país. Son verdadeiramente interesantes, levan mil anos dando de comer e traballo, fortalecendo a acción, directa ou compartida, e mantendo viva a paixón polo innecesario.

Paixón! Dixen ben, o que quería dicir. Non hai máis de que falar. É moito Santo de Deus! Vai revolucionando o país, casa por casa. Entra na mística da Igrexa e dálle ao crego a razón por pura estratexia, defende aos homes e ás mulleres, aos cans e cadelas, como se fosen de frade. Gusta de ver aos paxaros cando cantan, de modo especial, gústanlle os hirundínidos, como as andoriñas que van cara ao norte piando polos aires de todos e de ninguén. Meus amigos, neste itinerario cultural, cadaquén que siga o seu camiño.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar