Unha sentenza anula un acordo do Concello de Teo sobre Israel

A xustiza ven de anular a moción de boicot a Israel aprobada en pleno o pasado ano. Entre o argumentario da sentenza, díctase que o Concello «non pode arrogarse competencias que non lle competen». Sen entrar a valorar a sempre respectable decisión xudicial, os populares consideran que o goberno local malgasta tempo e esforzos, restando dedicación aos problemas que de verdade afectan á veciñanza teense.

O Xulgado Contencioso Administrativo Nº2 de Santiago dictou sentenza en contra da moción de boicot a Israel aprobada en pleno en marzo do pasado ano. Con esta sentenza, Teo súmase a eses concellos -como Santiago- nos que se anula xudicialmente o acordo. A moción respondía a unha campaña realizada por unha entidade internacional na que se promovía o boicot a aquelas organizacións públicas ou empresas israelís que non recoñezan os dereitos do pobo palestino.

O grupo popular teense leva denunciando dende 2011 unha excesiva dedicación dos plenos a asuntos que non son competencia municipal e ten amosado o seu profundo malestar por elo en múltiples sesións plenarias e intervencións públicas. Para o seu voceiro, José Manuel Guerra, esta é unha forma de ocultar «a carencia de proxecto e propostas por iniciativa propia» que ten o equipo de goberno, quen sempre anda meténdose «en problemas alleos cando non ten solucionados os propios». Nesta liña, Guerra insiste en que «o alcalde presenta os orzamentos anuais con oito meses de retraso pero dedica os plenos a aprobar mocións de boicot a Israel. Nestas cuestións ocupa o tempo o goberno local de Teo». Desta forma, criticaba o voceiro popular un proceder moi habitual do bipartito.

Mocións e declaracións institucionais de cuestións que non son competencia do Concello son constantes nos plenos teenses, empregando o tempo que se debería dedicar á veciñanza “a cuestións que, en moitos casos, nin sequera lle afecta». Ao fío desta cuestión, e sen entrar a valoralo, o contido da sentenza é claro. Expresa que o concello «ten que vencellarse á xestión dos intereses locais, non podendo arrogarse competencias que non lle competen (…), polo que o acordo incorre en nulidade por falla de competencia».

Igualmente, segundo se establece na propia sentenza, as costas do proceso impóñense ao concello, feito que para os populares resulta «aínda se cabe máis sangrante». Para o grupo popular é «absolutamente intolerable que a veciñanza teense teña que pagar dos seus petos este chiste con tan pouca gracia do executivo».

Esta situación evidencia a inutilidade de xestos oportunistas do bipartito como este, adoptado na procura de rendibilidade política e que, finalmente, queda nun varapalo xudicial acompañado dun custo económico que terá que soportar a veciñanza de Teo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar