O Auditorio de Ourense acollerá a vinte compañías de teatro galegas

Unha vintena de compañías de teatro galegas pasarán polo Auditorio Municipal de Ourense grazas ao convenio de colaboración que asinarán o Concello de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para levar a cabo o programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre de 2017. “Estas actuacións moldearán unha intensa programación para todos os públicos, desde os espectáculos para cativos como para adultos, que desenvolve o Auditorio Municipal, e que xa se converteron nun referente da programación en Galicia”, sinalaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.

O programa inclúe nomes de compañías coma as de Teatro do Morcego, Nova Galega de Danza, Eme2, Trompicallo, Baobab Teatro ou Culturactiva, entre outras. O Concello de Ourense achegará, para o desenvolvemento deste convenio, un total de 46.821,34 euros para a organización puntual de cada actividade, gastos de difusión e pagamento de dereitos de autor, así coma a infraestrutura necesaria para o desenvolvemento das actividades.

Non foi o único convenio de colaboración en materia cultural do que deu conta esta mañá a xunta de goberno. Concello de Ourense e VIAQUA Gestion Integral de Aguas de Galicia asinarán tamén un convenio para a realización do Festival Piano Meeting 2017, cuxa finalidade é a de sacar os pianos ao exterior da cidade con concertos simultáneos nas Burgas, o Xardín do Posío, a rúa do Paseo e a Praza Maior. Viaqua achegará unha cantidade de 10.100 euros, mentres que o Concello de Ourense contribuirá con 7.566 euros. A Xunta de Galicia achegará outros 10.000 euros.

Contratación. Ourense deu un paso moi importante para a preparación do Nadal 2017 coa aprobación do expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento e retirada do alumeado de Nadal 2017 – 2018, así como os pregos de cláusulas administrativas e técnicas. O Concello destinará un investimento de 90.750 euros. “Aínda que poida resultar chocante falar de Nadal en pleno mes de agosto, quero salientar a importancia deste asunto para Ourense”, dicía Vázquez Abad, “xa que o Nadal é unha época na que debemos potenciar a actividade comercial e festiva da cidade e a iluminación, neste sentido, axuda a conformar ese marco ideal para cidadáns, visitantes e comercio local.” A data tope para que todo estea colocado é o 1 de decembro.

Avogacía consistorial. O Concello foi emprazado para comparecer en calidade de demandado ante o Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 no recurso interposto pola Tesoreria General de la Seguridad Social contra a resolución de data 6 de abril de 2017, ditada polo Concello de Ourense, sobre denegación de licenza de obra para oficinas no subsolo da Praza de San Antonio. A licenza foi denegada polo Concello á vista da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declarou que o subsolo da praza era dominio público.

O segundo persoamento, perante o mesmo tribunal, é no procedemento abreviado interposto pola empresa Onet Seralia SA sobre xuros de demora, por presunto atraso no pago de facturas relativas ao servizo de axuda no fogar. A empresa reclama a cantidade de once mil novecentos vinte euros con setenta e un céntimos (11.920,71 euros). O Concello tamén foi emprazado para comparecer ante o Xulgado Contencioso número 1, neste caso no procedemento interposto pola mesma empresa ONET SERALIA contra a desestimación por silencio administrativo da reclamación efectuada en data 8 de xullo de 2016 para o pago de 46.935,91 euros. Trátase tamén dunha reclamación de intereses de demora, neste caso en relación ao contrato do servizo de limpeza de instalacións municipais.

Por outro lado, deuse conta da sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo numero 1 que estima o recurso interposto por un particular en relación con obras realizadas por outro veciño en Regoufo, Velle. A sentenza dá un prazo dun mes ao Concello para concluír o procedemento de protección da legalidade. Nese prazo deberá ditar resolución definitiva na que ordenará a demolición dos elementos ilegalizables da obra, e daralle un prazo ao denunciado para legalizar as partes que sexan legalizables. Tras isto, se disporá a demolición do que sexa disconforme ás licenzas concedidas.

A xunta de goberno deu conta tamén do Auto ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo numero 2 que desestima a oposición contra a execución da sentenza que ordena a demolición dun edificio na rúa Marcelo Macías 146-148-150, e acorda a súa continuación. As persoas que denunciaran a situación do edificio presentaron escrito solicitando no Xulgado a execución da sentenza. A ela presentaron escrito de oposición os propietarios, e se formularon alegacións por parte do Concello. O xulgado neste auto, desestima a oposición e acorda a continuación da execución da sentenza. O auto non é firme, pois é susceptible de recurso de apelación.

Servizo de Licenzas Urbanísticas, Actividade, Apertura e Disciplina. Concedéronse un total de 12 licenzas: unha de obra para a reforma de cuberta nunha vivenda unifamiliar na estrada de Rairo. Dúas licenzas de obra para a remodelación de vivendas, unha na rúa Jesús Soria e outra na rúa Lemos (Velle). Outra licenza de obra en vía de legalización e remate de obras dunha vivenda unifamiliar no Lugar de Fechos, en Trasalba. Tamén licenza urbanística en vía de legalización para a segregación dun soto anexo a un baixo comercial na Avenida de Portugal.

Por outra banda, declarouse fóra de ordenación a segregación dun inmoble sito na rúa Luís Pimentel (de conformidade co informe da arquitecta municipal pois transcorreu en exceso o prazo de reposición da legalidade, quedando as vivendas en situación de “fóra de ordenación” e suxeitas ao réxime determinado no artigo 90.2 da mesma lei, xa que dita segregacións son parcialmente desconformes coa legalidade vixente).

Concedéuselle unha prórroga de 6 meses para iniciar as obras de reforma dunha cheminea de fumes á comunidade de propietarios dun edificio da rúa Valle Inclán (concedida por acordo da Xunta de Goberno Local de 21 de xullo de 2016).

Finalmente, no tocante á instalación de ascensores, concedemos 5 licenzas de obra para outros tantos proxectos en edificios das rúas Nuño de Ousende, estrada da Granxa, San Mamede, Vázquez Núñez e avenida de Zamora.

No apartado de Disciplina, deuse conta do expediente derivado do incumprimento da orde de demolición dun inmoble en Rairo. A xunta de goberno acordou requirirlle novamente ao propietario para que no prazo de 3 meses presente proxecto técnico de demolición das obras realizadas sen licenza e que, no prazo de 2 meses despois de aprobarse o proxecto, leve a cabo as obras. Ademais, impónselle unha multa coercitiva de 1.000 euros por incumprir a orde de demolición acordada polo Concello

Comercio. O primeiro asunto foi denegarlle a solicitude de ocupación de dominio público municipal con carácter indefinido para instalar un quiosco realizada polo Club Campus Universitario de Ourense Rugby Club. “Os motivos: que a súa pretensión de ocupación de dominio público municipal para instalar un quiosco de venda de produtos perecedoiros, dado o carácter indefinido, sería a concesión, e esta adxudícase en réxime de concorrencia”, explicaba o rexedor. .

Por outro lado, tres expedientes relacionados con veladores ou outros elementos non autorizados na vía pública: Desestimáronse recursos de reposición presentados por titulares de cafeterías nas rúas Coruña, Rei Soto e na Avenida de Santiago. Nestes tres casos descritos, o motivo é ocupar vía pública sen autorización.

Sanidade. A xunta de goberno informou tamén do fallo do xurado do “II Concurso de Fotografía Mascotas adoptadas Responsablemente no Concello de Ourense”, que outorgou un total de 980 euros en premios. O primeiro por importe de 500 euros (Héctor Nóvoa Pérez), segundo de 200, e 5 accésits de 70 euros. O certame estaba dirixido a persoas que adoptasen un animal no albergue municipal. Os premios serán doados polas persoas gañadoras a unha asociación ourensá de cuxo obxecto sexa a protección de animais.

Participación Cidadá. Adxudicáronse os arrendamentos de senllos inmobles para a cesión do seu uso á asociacións de veciños Parque Barbaña (na Avenida de Portugal, 63) por un importe de 9.873 euros anuais, e de Peliquín (na rúa Río Cobas, 14, baixo) por un importe de 4.210 euros anuais.

Fóra da orde do día. A Concellería de Urbanismo deu conta dun informe sobre a realización da obra da Praza de Abastos Nº1. Logo da caída do Plan Especial das Burgas, esta área municipal preguntábase se a autorización de Patrimonio seguiría vixente, e así llo preguntou á Dirección Xeral nunha carta emitida en maio deste mesmo ano.

A resposta dos xurídicos da Xunta de Galicia di que a autorización permanece válida malia que a obra non estea executada. Debían ser os técnicos municipais os que informasen se se adaptaba ao plan vixente de 1986. Os técnicos conclúen que a obra se axusta ao que determina o plan desde o punto de vista urbanístico e que xa non é preciso volverllo consultar á Dirección Xeral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar