TVG: O bonito protagoniza hoxe “Larpeiros”

Festa da Empanada de Bandeira.

No almorzo de hoxe, os “Larpeiros” manterán unha animada conversa sobre o bonito. Adrián marchou de madrugada á lonxa de Burela e prometeulles aos seus ávidos compañeiros de paparotas traer un exemplar de primeira. Agora tócalles a eles decidir como cociñar o príncipe dos mares do norte, o rei dos peixes azuis. A uns gústalles en marmitaco, a outros en empanada e hainos que son máis de comelo en escabeche. Á prancha, en salpicón, encebolado ou guisado con tomate… A verdade é que o bonito está rico de mil maneiras.

Ao almirante do grupo, Benigno, o bonito é un peixe que lle gusta moito. Por iso, proporá facer un xantar que non deixará a ninguén indiferente: bonito en salsa da horta. Unha salsiña de verduras que sempre lle vai moi ben a un peixe azul como o bonito.

Pola súa parte, Adrián irá voando ata Burela. Desde esta localidade lucense e da man de Xusto coñeceranse todos os segredos da lonxa do bonito. O larpeiro máis viaxeiro do espazo terá que pasar toda a noite descargando peixe, colocando lotes e vendendo ao mellor prezo, para poderlles levar aos compañeiros de mesa un exemplar á altura da ocasión.

De volta na casa, a festa será completa coas filloas recheas de crema de abelás e froitas, coas que Merchi e Leni agasallarán ao resto de comensais.

SOPA DE FESTA

O programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa” asistirá a unha nova vila galega para destacar un produto prezado da nosa gastronomía. Así, a XXV edición da Festa da ameixa de Carril será a protagonista deste espazo, que cada martes lles achega aos espectadores un monográfico sobre algunha das mellores citas gastronómicas que hai por toda a comunidade galega.

Carril é unha das máis famosas parroquias do municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, coñecida tamén por ser das máis marisqueiras de toda Galicia, gran parte da súa poboación vive do mar e sobre todo do cultivo e da extracción da ameixa.

Por este motivo, desde hai 25 anos, os produtores e os mariscadores da ameixa decidiron que este bivalvo fose o protagonista dunha gran festa, como o poderán comprobar os espectadores da TVG da man do equipo de “Sopa de Festa”. Hoxe, as cámaras do programa amosarán como se cultiva a ameixa, que clases deste bivalvo se dan na zona e, sobre todo, poranlles cara a algúns mariscadores do Carril que se dedican, xeración tras xeración, a este oficio.

A parte más desenfadada da xornada, que se vivirá a través de “Sopa de Festa”, sempre a poñen as degustacións populares de cada festexo coas que os visitantes e turistas dan testemuña directa da boa calidade e do saboroso que está o produto. Ata a zona portuaria de Carril trasladaranse os reporteiros para recoller tanto as súas diferentes preparacións coma declaracións sobre a súa degustación.

A edición de hoxe do programa da Galega completarase mostrando outros actos que se desenvolveron ao longo desta edición festiva, como o nomeamento de cabaleiros e donas da orde da ameixa ou a homenaxe ao parquista de honra e o máis novo do Carril, entre outros.

FESTA DA EMPANADA DE BANDEIRA E QUEIMADA DE CERVO
A TVG emitirá esta noite senllos especiais sobre a Festa da Empanada de Bandeira e a Queimada de Cervo. Na localidade do concello de Silleda tivo lugar esta fin de semana a XLIII Festa da Empanada, cunha nova edición do afamado concurso en que veciños e panadeiros levaron por levar o galardón con innovadoras propostas.
Non faltou a actuación musical do grupo Xirandola, que cada ano toca de balde na festa como pequena achega a este evento declarado de Interese Turístico. Finalizado o concurso, a charanga Chorizo Criollo animou a cea que as peñas celebraron na Carballeira da Silva para coller forzas antes de gran verbena.

No especial dedicado á Queimada de Cervo, os espectadores verán como a festa dedicada á apócema galega por excelencia comezou cunha amasadora e hoxe é de Interese Turístico Galego, cumprindo este ano a súa 39ª edición con novidades.

Coma cada ano, os asistentes ao mercado tradicional da mañá puideron probar variados manxares e mercar nos postos de artesanía, ademais de rir co pregón das autoridades. Pero desta volta tiveron outro aliciente: no propio mercado, ambientado nos inicios do século XX, desenvolveuse a primeira escena da espectacular peza teatral nocturna previa á degustación, que representa a loita entre o ben e o mal e que ten como protagonistas o lume e as meigas.

Por primeira vez na historia da queimada, o bruxo non puido este ano coas meigas e foi capturado polas mesmas, así que ata o ano que vén non se saberá que foi del.

FESTIVAL V DE VALARÉS

A TVG ofrece esta noite un programa especial que amosará o que aconteceu na XI edición do Festival V de Valarés. Dous días que converteron a praia de Valarés, en Ponteceso, A Coruña, nun lugar coa mellor oferta musical e de ocio de Galicia, coa presenza de Love of Lesbian e Los Planetas, entre outros.

Ademais de amosar o festival musical, tamén se falará cos negocios locais e cos habitantes da vila para que dean a súa valoración deste evento que enche de ritmo a localidade coruñesa.

A REVISTA

O Feito á Man, festival de rúa organizado polos comerciantes da zona vella de Compostela, chega a “A Revista” da man do seu director artístico, Pepe Sendón, e da coordinadora do mesmo, Ánxeles Porto. Este certame, que se desenvolve en espazos singulares da cidade histórica, visibiliza as actividades artísticas dos máis variados xéneros nunha contorna excepcional como son as prazas e rúas de Santiago.

Amais de falar das actuacións que se poderán gozar nos próximos días, farán fincapé na homenaxe que unha trintena de artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e Galicia, lle ofrecerán en Santiago o próximo 30 de agosto a Narf, falecido hai case un ano, cun espectáculo co que celebrarán o seu legado, tanto musical coma teatral.

Os reporteiros do magazine da Galega asistirán, por outra parte, en directo, ao Campamento Tecnolóxico do Concello de Vilanova de Arousa, elaborado por docentes de educación primaria e secundaria, enxeñeir@s informáticos e de telecomunicacións e dirixido a nenos de entre 7 e 16 anos. Os alumnos traballan con impresión 3D, drons, robótica, programación e animación.

Martes, 22.08.2017
CINEMA DE NOITE

“DÍA DE ADESTRAMENTO”
(“Training day”)

Director: Antoine Fuqua
Elenco: Denzel Washington, Ethan Hawke, Scott Glenn, Tom Berenger, Cliff Curtis, Charlotte Ayanna, Snoop Dogg
EUA, 2001, 115’, Acción (18)

**SINOPSE**

O sarxento do Departamento de Policía dos Ánxeles Alonzo Harris é un axente de narcóticos con 13 anos de experiencia, cuns discutibles métodos que fan difusa a liña entre a legalidade e a corrupción. Hai tempo que o seu optimismo foi minado pola súa quenda de servizo nas rúas, onde combater a delincuencia aténdose ás normas pode supor a morte e facer o traballo a miúdo implica que Alonzo e os seus compañeiros infrinxan as leis. Isto pon a proba a determinación do idealista novato Jake Hoyt, que ten só un día para demostrarlle a súa valía ao seu extremadamente carismático superior. Durante as próximas 24 horas, Jake será arrastrado cada vez máis profundamente cara ao lodo ético da lóxica de Alonzo, mentres os dous homes se xogan as súas vidas e as súas carreiras para servir os seus contraditorios conceptos de xustiza.

**COMENTARIO**

O antigo director de vídeos musicais e anuncios publicitarios Antoine Fuqua firma un thriller de nervio, tenso e violento, de magnífica factura e ritmo vibrante. É de destacar a súa conseguida ambientación e un espléndido guión que disecciona o lado perverso da ética policial. Ademais, como sempre, outra maxistral actuación de Denzel Washington, pola que foi recompensado cun merecido Óscar.

MINUTADO do 22/08/2017 da TELEVISIÓN DE GALICIA

08:05
TOP 10

Un programa que reúne o mellor das cousas que temos, que facemos entre todos porque resulta dunha clasificación feita polos galegos, a través dos seus votos e opinións, sobre os seus gustos e afeccións.

09:00
BOS DÍAS

Presentan Marta Darriba e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera.

10:35
A COCIÑA DE ANDRÉ “Cabaciñas recheas”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e o seu atractivo.

11:05
O FARO Cap. 238

Serie. Lucía volve ao Faro, pero regresa sen Diego. A Ánxela e a Fina parécelles moi estraña a ausencia do neno. Damián preparoulle o xantar a Lucía a modo de benvida. Tanto Ánxela coma Lucía pensan que o pinche non ten moi boa man para a cociña. Ánxela ponse no peor e non quere que Fina vaia de cruceiro, non quere quedar soa con Damián á fronte do Faro. Gaspar comeza a entender que Fina non quere saber nada del. Erea está disposta a facer calquera cousa para botar a Iván da súa casa, ata chamar o seu pai para que consiga botalo do piso. Lidia pasa a noite con Gonzalo e a relación transcorre sen contratempos ata que Lidia decide voltar a vivir na súa casa, xa que quere pasar máis tempo con Iván.

11:55
GAÑA A TÚA SORTE

Concurso para toda a familia en que a diversión e o entretemento están asegurados. Presentado por Javier Varela, mestura o xogo de preguntas e o azar.

12:35
A REVISTA

Revista da actualidade informativa de Galicia con conexións en directo, reportaxes e entrevistas. Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:45
CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:45
GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Ana Pérez. Durante media hora achéganlle á audiencia as noticias máis próximas que aconteceron no día.

14:25
TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Raquel Domínguez. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:30
ESPECIAL AQUÍ HAI PRAIA

16:10
O TEMPO

16:20
TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

18:15
GALEGOS NO MUNDO “Filadelfia”

Unha ollada á realidade de todas aquelas persoas que un día emprenderon unha vida nova noutro país e que agora achegan as súas vivencias desde as cidades máis afastadas e os lugares máis insospeitados, amosados en primeira persoa por galegos singulares.

19:10
PEZAS ERA VISTO “Día de voda”

19:20
ERA VISTO! Cap. 48

Inspirada en historias e personaxes do universo rural galego. Un pai de familia, Moncho; a súa muller, Elvira; o fillo adolescente, Kevin; o xefe despótico, Anselmo; e os amigos bardallas, Lino o carteiro e Puskas, o dono do bar.

19:50
ESCOBA ! Cap. 40: “A xogar!!!”

Comedia de situación que ten como protagonistas únicas cinco mulleres: Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena.

20:25
INFORMACIÓN ESTADO DO MAR

20:30
GALICIA NOTICIAS SERÁN

Presenta Beatriz Moyano. Durante media hora achéganlle á audiencia as noticias máis próximas que aconteceron no día.

21:00
TELEXORNAL SERÁN

Presenta Carlos Amado. Alfonso Hermida encárgase da información deportiva.

21:55
O TEMPO

22:05
MENÚ G

22:15
LARPEIROS “O máis bonito da mesa”

O bonito, o rei dos peixes azuis, protagonista indiscutible do programa na presente edición.
De sobremesa, Merchi e Leni agasallarán o resto de comensais cunhas filloas recheas de crema de abelás e froitas.

22:50
SOPA DE FESTA “A ameixa do Carril”

Programa que ten como obxectivo ser unha guía imprescindible para seguir as grandes celebracións e exaltacións gastronómicas da comunidade.
A XXV edición da Festa da ameixa de Carril será a protagonista deste espazo, que cada martes lles achega aos espectadores un monográfico sobre algunha das mellores citas gastronómicas que hai por toda a comunidade galega.

23:20
FESTA DA EMPANADA DE BANDEIRA ’17

Na localidade de Bandeira tivo lugar esta fin de semana a XLIII Festa da Empanada, cunha nova edición do afamado concurso en que veciños e panadeiros levaron por levar o galardón con innovadoras propostas.

23:55
FESTA DA QUEIMADA DE CERVO ’17

No especial da Queimada de Cervo, os espectadores verán como a festa dedicada á apócema galega por excelencia comezou cunha amasadora e hoxe é de Interese Turístico Galego, cumprindo este ano a súa 39ª edición e con novidades.

00:25
FESTIVAL V DE VALARÉS ’17

A TVG ofrece esta noite un programa especial que amosará o que aconteceu na XI edición do Festival V de Valarés. Dous días que converteron a praia de Valarés, en Ponteceso, A Coruña, nun lugar coa mellor oferta musical e de ocio de Galicia.

00:55
CINEMA DE NOITE “Día de adestramento”

(“Training day”), de Antoine Fuqua, con Denzel Washington, Ethan Hawke, Scott Glenn, Tom Berenger, Cliff Curtis, Charlotte Ayanna, Snoop Dogg.
EUA, 2001, 115’, Acción (18).
O sarxento do Departamento de Policía dos Ánxeles Alonzo Harris é un axente de narcóticos con 13 anos de experiencia, cuns discutibles métodos que fan difusa a liña entre a legalidade e a corrupción. Hai tempo que o seu optimismo foi minado pola súa quenda de servizo nas rúas, onde combater a delincuencia aténdose ás normas pode supor a morte e facer o traballo a miúdo implica que Alonzo e os seus compañeiros infrinxan as leis. Isto pon a proba a determinación do idealista novato Jake Hoyt, que ten só un día para demostrarlle a súa valía ao seu extremadamente carismático superior. Durante as próximas 24 horas, Jake será arrastrado cada vez máis profundamente cara ao lodo ético da lóxica de Alonzo, mentres os dous homes se xogan as súas vidas e as súas carreiras para servir os seus contraditorios conceptos de xustiza.

02:55
TELEXORNAL NOITE

Último informativo do día que inclúe as noticias galegas, nacionais e internacionais máis salientables do día.

03:05
LARPEIROS (Rep.)

03:35
SOPA DE FESTA (Rep.)

04:10
NACER DE NOVO (Rep.)

04:25
MAR DE FONDO

04:30
NOITE DE JAZZ

05:00
TI VERÁS (Rep.)

06:50
REPORTAXES “VIVIR AQUÍ” “Illa de Sálvora”

07:00
A REVISTA (Rep.)

07:55
INFORMACION ESTADO DO MAR

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar