Rueda visita a Audiencia provincial de Lugo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron a sede da Audiencia Provincial de Lugo, onde o Goberno galego investirá máis de 300.000 euros para acometer obras de mellora de eficiencia enerxética.

A previsión é licitar as obras despois do verán, co obxectivo de que se executen no primeiro semestre de 2018. Os traballos consistirán nunha actuación integral en todo o edificio, que se baseará fundamentalmente na implantación de iluminación tipo LED e na substitución de vidros e carpinterías para optimizar a envolvente térmica do edificio.

Esta actuación súmase así ás obras de mellora que se executaron na sede da Audiencia durante os últimos anos, e nas que a Xunta ten investido máis de 100.000 euros co obxectivo de converter estas instalacións nun espazo máis útil e axeitado, tanto para os traballadores como para a cidadanía en xeral.

 

Todos estes traballos inscríbense na aposta do Goberno galego por avanzar cara unha Administración de Xustiza moderna, eficaz e útil. Para conseguilo, a Xunta habilitou o Plan Senda de novas tecnoloxías, que busca dotar aos xulgados galegos de todos os servizos necesarios para camiñar cara o papel cero. Ademais, tamén puxo en marcha o Plan de Infraestruturas Xudiciais, que ten permitido renovar os principais edificios e acometer outras actuacións de mellora, como a de eficiencia enerxética anunciada hoxe en Lugo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar