Vigo:
Derradeiros días para visitar “Laxeiro en conversa” no Teatro Afundación

Derradeiros días para visitar a exposición «Laxeiro en conversa. Diálogo con artistas contemporáneos» na Sala de exposicións do Teatro Afundación Vigo. Ata o vindeiro 15 de xullo poderase gozar desta mostra articulada con obras procedentes das coleccións de arte de Afundación, ABANCA e a Fundación Laxeiro. Un total de 39 pezas amosan a proximidade entre as creacións de José Otero Abeledo, Laxeiro, e outros autores que, malia seren posteriores a el, comparten a idea de concibir a arte como un reflexo de pulsións internas máis ca na plasmación de realidades externas. O horario de visitas é de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h.

A mostra

Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro e comisario desta exposición, propón un diálogo entre a produción de Laxeiro e unha extensa nómina de artistas galegos contemporáneos para ofrecer unha relectura das pezas pertencentes ás coleccións de arte de Afundación, ABANCA e a Fundación Laxeiro. Pilar Álvarez Pablos, Jorge Barbi, Ignacio Basallo, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Tono Carbajo, Caxigueiro, Xavier Correa Corredoira, Alberto Datas, Álvaro de la Vega, Almudena Fernández Fariña, Antón Goyanes, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Din Matamoro, Tatiana Medal, Manuel Moldes, Antón Patiño, Raimundo Patiño, Xavier Toubes e Rosa Úbeda comparten protagonismo con José Otero Abeledo, Laxeiro.

«Laxeiro en conversa. Diálogo con artistas galegos contemporáneos» é unha aproximación diferente á figura e á obra dun dos creadores máis emblemáticos do pasado século en Galicia. Un claro renovador da plástica galega xa desde as súas etapas máis temperás, Laxeiro é un referente imprescindible no panorama artístico galego. De igual maneira, son tamén fundamentais a ampla relación de artistas que nesta mostra dialogan con el: creadores contemporáneos, innovadores, moitos deles, agrupados en torno a Atlántica e cuxas obras conviven na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo coas máis informalistas de Laxeiro. Nesta concepción de eclecticismo artístico, tanto pinturas, como esculturas e fotografías interactúan na procura dunha mirada innovadora.

Dentro dos obxectivos da Área de Cultura de Afundación figura o establecemento de liñas de colaboración con entidades culturais de prestixio, tanto galegas como foráneas, así como o apoio e divulgación da obra de artistas galegos. Á suma destes dous obxectivos responde a confección desta mostra, que tende unha ponte entre Afundación, ABANCA e a Fundación Laxeiro. A esta iniciativa engádese a de establecer unha relectura das coleccións de arte ABANCA e Afundación, utilizándoas como canle para a divulgación da obra de artistas galegos, e facilitando con isto o acceso da sociedade galega ao gozo dun patrimonio artístico recoñecido como Ben de Interese Cultural de Galicia en 2015.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto