A Feira do Pemento de Oimbra chega á sua vixésima edición

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a XX edición da “Feira do Pemento de Oímbra”, festa declarada de Interese Turístico de Galicia, “que se ten convertido co paso dos anos, froito do impulso dado desde o concello, da calidade do produto e do traballo de agricultores e de todas as persoas que se implican neste evento, nunha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia”, afirmou Manuel Baltar. Este ano, ademais, a celebración conta co atractivo de ser a primeira vez que se envasa e comercializa o pemento baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pemento de Oímbra”, “algo que contribúe a promocionar e posicionar no mercado o noso pemento, así como tamén outros produtos da nosa horta e do ámbito vitivinícola”, explicou Ana Villarino.

O presidente do goberno provincial felicitou ao Concello de Oímbra e ao Consello Regulador da IXP pola relevancia que ten acadado esta cita gastronómica, coa que colabora a Deputación de Ourense, festa na que se implican persoas de todas as idades “nun excelente exemplo de cooperación en torno a un produto clave da nosa gastronomía provincial como é o pemento de Oímbra”, destacou Manuel Baltar.

A feira terá lugar o vindeiro 6 de agosto na carballeira de Oímbra, ao carón das piscinas municipais e da Casa do Concello, onde se instalarán stands gastronómicos, de artesanía e de actividades relacionadas co mundo agrario, un recinto que acollerá ao longo do día actividades como un concurso de cociña, un xantar popular e degustación gratuíta de pementos, todo elo acompañado de actividades musicais e de lecer para nenos e maiores. Tamén se dará a coñecer un novo recetario co pemento de Oímbra como ingrediente principal.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto