“Vive o Camiño” arranca este martes no Rosal con contacontos e concertos

O programa de artes escénicas Vive o Camiño arranca o vindeiro martes 31 de xullo no concello pontevedrés do Rosal coa primeira das máis de 40 actividades de balde e dirixidas a todos os públicos que se celebrarán nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa ata setembro. Impulsada por Turismo de Galicia, a iniciativa forma parte dos compromisos do goberno galego, enmarcados no Plan director do Camiño que este ano dedica a ambos itinerarios.

A primeira parada de Vive o Camiño, no concello do Rosal, incluirá a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués a cargo de Anxo Moure que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea. Será a partir das 20,00 horas e estará acompañado pola música en directo de Servando Barreiro. A continuación, ás 21,30 horas será a quenda de Najla Shami dúo, con Camiños de culturas que inclúe orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo co jazz. Os espectáculos celebraranse na explanada do horizonte (Portocelo) e, en caso de choiva, trasladarase á Praza do Calán (San Xián 7, baixo a carpa).

Tras o Rosal, a programación prevista para a vindeira semana ao abeiro de Vive o Camiño incluirá o concello de Oia o mércores 1 de agosto coa proposta dos contacontos O Camiño que camiña con nós, de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, a partir das 21,30 horas na eira do convento de Santa Mª de Oia. A partir das 22,00 horas actuará no mesmo escenario Najla Shami dúo. En caso de choiva celebraranse no centro sociocultural de Pedornes. O xoves 2 de agosto, o concello de Dodro acollerá os espectáculos de Anxo Moure ás 20,00 horas e de Najla Shami dúo, a partir das 21,00 horas. No CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

Exposición da ruta xacobea

O calendario de Vive o Camiño estenderase ata o vindeiro mes de setembro e incluirá os concellos de Porriño, Nigrán, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, A Guarda, Pontecesures, Padrón, Rois, Teo e Ames. En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo artístico. Estas accións irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar