O éxito acompañou a 33 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

A 33ª MIT 2017 supuxo un novo paso de cara ao afianzamento do festival como un referente imprescindible para os amantes das artes escénicas e para a divulgación da creación escénica galega, española e internacional nun contexto especial, con historia, potencial e afán de progreso.

Un gran festival de verán que triplica a poboación e fomenta a actividade económica nun contexto cultural e artístico inigualable. Ribadavia é sinónimo de teatro, capital da mellor arte escénica e un lugar agradable para empaparse de todas as actividades que rodean aos espectáculos.

Este ano habería que destacar a gran afluencia de espectadores aos espectáculos de rúa, unha aposta do festival pola diversa e rica creación no ámbito do novo circo, con compañías procedentes de Illas Baleares, Andalucía e Castela-León.

O premio do público, unha vez realizado o reconto diario das votacións, resultou ser para Nova Galega de Danza, co seu espectáculo SON, que obtivo unha puntuación de 4,79 sobre 5. En segundo lugar quedou o espectáculo La Ternura, dirixido por Alfredo Sanzol, en terceiro Chévere e en cuarto Golem, da compañía británica 1927, en coprodución co Festival de Salzburgo, Théâtre de la Ville de París e Young Vic de Londres e en quinto a compañía Voadora, co espectáculo “soño dunha noite de verán”. O resto dos espectáculos tamén obtiveron unha alta puntuación, a maioría cunha media de 4 sobre 5, o que sinala o alto nivel de satisfacción dos usuarios coa diversidade de espectáculos ofrecidos nesta edición, dende a danza, ao teatro documento, o teatro con medios audiovisuais ou a creación contemporánea.

No marco desta edición tamén tivo lugar a sinatura do programa de Tempadas de Igualdade co grupo promotor de Galicia da Asociación Clásicas y Modernas, un compromiso da MIT co fomento da igualdade nas Artes Escénicas. A finalidade desta sinatura é analizar, mellorar e impulsar a presenza de cargos de responsabilidade creativa e de xestión de mulleres no ámbito escénico para tender a unha progresiva igualdade entre homes e mulleres no ámbito laboral das artes escénicas e da cultura en xeral.

Na retina quedan as máis de 20 representacións que durante dez días de festival se expandiron dende Ribadavia para todas as persoas. Emocións e ideas que non se esquecen, que se rememoran tamén grazas ao material complementario editado no programa, con artigos, entrevistas, críticas que contribúen a fomentar o pensamento, a reflexión e a continuidade do festival, do escenario á relembranza individual. Memoria, ferramentas e guía para unha arte efémera que tamén deixa pegada e pouso para facernos evolucionar, como colectivo e como persoas.

Programa da MIT 2017: http://mitribadavia.xaduin.com:8089/MIT_Programa-2017.pdf

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar