“Galicia é nación”, reivindica o BNG

 

Numerosos militantes e simpatizantes nacionalistas secundaron este 25 de xullo a tradicional manifestación do ‘Día da Patria’ convocada polo BNG para reclamar que Galicia sexa recoñecida como “unha nación”, segundo proclamou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, á saída da marcha que tivo lugar e mediodía desde a Alameda compostelá.

Pontón proclamou nunha abarrotada Praza da Quintana que o nacionalismo é máis necesario ca nunca para construír “unha Galicia das oportunidades que non deixe a ninguén atrás”, e lanzou unha mensaxe de optimismo desde un BNG “renovado e fortalecido que está en condicións de ofrecer un proxecto sólido e de futuro para os galegos”.

“Se algún país necesita o nacionalismo é este, porque o cambio ou é galego, feito desde nós e para nós, ou é un mero recambio. Vémolo nos concellos, onde hai un cambio real, en todos e cada un dos concellos que goberna o BNG, que son o espello da Galiza que queremos”, salientou no seu discurso do que para o Bloque significa o 25 de Xullo, “Día da Patria Galega”.

E para conseguir ese país soñado, Pontón aposta por “seguir fortalecendo e sumando apoios” nesta nova etapa do Bloque, “coas portas abertas a todos os que senten que agora, máis ca nunca, este país precisa unha gran organización que teña a súa cabeza e o seu corazón nesta terra”. Unha forza que aspira a todo, enfatizou.

O BNG contou coa presenza de forzas políticas próximas ideolóxicamente como ERC, EH-Bildu, PNV, CUP, Bloc Nacionalista Valenciá, Alianza Libre Europea, Bloco de Esquerdas e PCP, Plaid Cymru, e representacións do Kurdistán, Palestina, Sáhara e Venezuela, entre outros.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar