Homenaxe do Goberno Foral ás comunidades do resto de España

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nos actos institucionais centrais das Festas de San Fermín, baixo a organización da Federación de Casas Rexionais en Navarra, e que serven de homenaxe do propio Goberno Foral aos individuos e comunidades doutras zonas de España presentes alí.

Así, por parte do Executivo autonómico anfitrión, recibiron no Palacio de Navarra aos invitados a conselleira de Relacións Cidadás e Institucionais do Goberno Foral, Ana Ollo, e o director xeral de Comunicación e Relacións Institucionais, Pello Pellejero. Pola parte das comunidades invitadas, ademais de Rodríguez Miranda estiveron presentes no evento como representantes de cadansúa Comunidade Autónoma o secretario xeral da Consellería da Presidencia da Xunta de Castela e León, José Manuel Herrero, e a directora xeral de Transparencia e Participación da Generalitat valenciana, Aitana Joana Mas.

Ademais doutras autoridades locais, por parte das Casas Rexionais presentes en Navarra asistiron á recepción oficial no edificio emblemático daquela Comunidade Autónoma os máximos representantes de entidades de Aragón, Cantabria, Estremadura, Comunidade Valenciana, e por parte galega a presidenta do Lar Galego de Pamplona – Casa de Galicia en Navarra, María Jesús Rodríguez García.

 

Unidade

Os integrantes da comitiva visitaron despois as instalacións que cadansúa comunidade de cidadáns do resto do España posúe en Pamplona. As autoridades gabaron a importancia da integración como chave para o entendemento e mutua comprensión: “Neste aspecto, as e os galegos residentes en Navarra son un expoñente de primeira categoría da capacidade do noso pobo para traballar arreo no progreso da sociedade de recepción, sen perder nunca os sinais de identidade propios”, sinalou Rodríguez Miranda.

O secretario xeral tamén puxo de relevo “a unidade de acción como motor do desenvolvemento, dentro e fóra das colectividades que se asentan nunha cidade. Unidade de acción entre os galegos, e tamén como se demostra hoxe, unidade de acción entre todos os españois para sermos máis fortes”, dixo.

Trala visita ás instalacións de cada comunidade, actuaron no Parque de El Bosquecillo grupos das casas de Castela e León e a Comunidade Valenciana, e tamén a Asociación Folclórica Os Fillos de Breogán, do propio Lar Galego. Igualmente, por parte galega representou asemade a nosa música e cultura ‘A Requinta de Laxeira’, conxunto musical tradicional dedicado á recuperación da requinta, un instrumento característico da zona da Ulla, e cuxo repertorio se compón fundamentalmente de música recollida en investigación de campo.

 

Galegos en Navarra

O Lar Galego de Pamplona – Casa de Galicia de Navarra atesoura 64 anos de existencia como entidade da diáspora, posúe un local con diversos salóns sociais, biblioteca, locais para ensaios do grupo de danzas, e servizos de hostalaría. Os primeiros estatutos desta sociedade datan do ano 1951, pero foi en 1975, xa cunha ampla base asociativa, cando se adquiriu en propiedade a súa actual sede. O Lar está presente en cantas manifestacións culturais se promoven na cidade, e participa con caseta propia na Feira de Mostras de Navarra desde 1953.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar