Arqueólogos atopan tumbas medievais no castro de San Lourenzo

 

Accceso ao documental, AQUÍ

 

O equipo arqueolóxico vén de atopar tres tumbas medievais datables no século XII, no marco do proxecto de escavación do castro mineiro romano de San Lourenzo, en Pobra de Brollón, Lugo. Na campaña do ano pasado escavouse unha antiga capela ocupada probablemente dende o século XI ata o XIX.

Este ano escaváronse algunhas zonas da capela que ficaran intactas e foi deste xeito como apareceron dúas tumbas no interior dunha edificación anexa e unha terceira no exterior do edificio.

Cando menos unha das tumbas é do tipo coñecido como “de orelleiras” por presentar sendas pedras situadas a ambos lados da parte da cabeza para mantela ergueita. “O cristianismo cre na resurrección, de aí as orelleiras, para que cando esta se producise, a cabeza do defunto estivese orientada ao altar” comenta Xurxo Ayán, director do proxecto.

Nun dos enterramentos apareceron, ademais, dúas contas de colar, o que fai pensar aos arqueólogos que se trate dunha muller. Por isto xa alcumaron esta tumba como a “Tumba de María Castaña”, veciña ilustre da parroquia de Cereixa.

 

ANTIGA IGREXA PARROQUIAL DE CEREIXA

 

As tumbas están escavadas directamente no substrato rochoso a xeito de foxas e delimitadas na súa contorna por unhas pedras fincadas. Están orientadas leste-oeste, como é habitual no cristianismo.

Segundo Ayán, o achado é de suma importancia xa que “reforza a idea de que o edificio fose a antiga igrexa parroquial de Cereixa e non simplemente unha capela rural, o cal era unha das hipóteses de partida do noso equipo. Trátase de feito dun espazo sacro de longa duración, ocupada entre os séculos XI e XIX, que semella estar vencellado á antiga ruta xacobea do Camiño de Inverno”.

 

Pola tipoloxía das propias tumbas, e cruzando con outros materiais asociados, o equipo data o achado en torno ao século XII, aínda que non descartan que puidesen ser máis antigas. Para tratar de datalas, vanse facer unhas analíticas de Carbono 14 dos carbóns atopados, así como análises das cerámicas a cargo do Incipit-CSIC e a Universidade do País Vasco.

As tumbas de San Lourenzo serían os restos funerarios máis antigos da Terra de Lemos dende o achado nos anos 40 das “Momias de Proendos” en Sober, datadas tamén en época medieval.

Nos próximos días, o equipo continuará a escavar totalmente as tumbas atopadas e continuar nas inmediacións da capela coa esperanza de atopar máis enterramentos.

EXCAVACIÓN ABERTA AO PÚBLICO

 

O proxecto do Castro de San Lourenzo ofrece visitas guiadas gratuítas ao xacemento ata o 15 de agosto. Hai dúas visitas diarias ás 11:00 e 19:00.

Entre o luns e o venres o punto de encontro é ao pé do propio castro, xunto ao cartel indicador. Sábados e domingos parte da parrillada O Fogón en Cereixa para dar un pequeno paseo ata o castro, comentando algunhas particularidades da parroquia e mesmo pasando pola que puido ser a casa da ilustre María Castaña.

Os enterramentos acabados de atopar incorpóranse ao circuíto da visita para que todo o mundo poida achegarse a velos.

Para máis información pódese consultar a web do proxecto (www.sanlourenzo.net), a páxina web Sanlourenzo.net ou contactar ao teléfono 666 435 832.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar