Os nenos de Chantada

Anda a cidadanía de Chantada toda alporizada ante a falta de pediatra. A Xunta retruca que os médicos de atención primaria son quen de atender a xente miúda. Afirma o conselleiro que non existen pediatras abondo, así que hai que agardar. A Xunta estuda agrupar os pediatras en centros de saúde “grandes” para que estes non teñan que andar “perdendo o tempo” no seu coche dun lado para outro.

A falta dun pediatra nunha cabeceira de comarca como Chantada (850 cativos) mostra o deterioro da asistencia nos centros de saúde, onde faltan médicos, a matrona, enfermeiras e até vendas. A situación agrávase nos meses de verán coa chegada de emigrantes, moitos maiores, e as vacacións do persoal da sanidade.

Chantada só é un dos múltiples conflitos da sanidade galega. Se realizamos unha xeira por Galiza adiante podemos comprobar como as reivindicacións sanitarias ante a falta de médicos están presentes en múltiples concellos: desde o Páramo a Amoeiro, desde Soutelo a Porriño, pasando polas Illas Ons.

O deterioro da asistencia nos centros de saúde denunciárono os colexios médicos
de Galiza e as sociedades científicas nun manifesto moi duro coa Xunta.

Non é que o goberno Feixó non teña razón cando afirma que non hai pediatras abondo para cubrir as vacacións. Pero tampouco me negarán que o PP non é culpábel de non prever a situación e de planificar esta carencia e outras da sanidade. A iso chámaselle gobernar. Outra cousa é realizar a xestión dos contábeis, que é do que presume Núñez Feixó.

Pero esa contabilidade  tampouco é inocente, poisque convertesen a atención primaria no irmán pobre da sanidade non algo circunstancial, senón que obedece a razóns ideolóxico-políticas: é a que atende aos máis necesitados e nela non hai nego-cio. Ese negocio dos grandes hospitais coa xestión privati-zada, con servizos privatizados e con grandes aparatos caros que, en moitas ocasións, están infrautilizados por falta de persoal.

A falta de pediatras, ademais, choca frontalmente contra calquera política deseñada para aumentar a natalidade e evitar o despoboamento do mundo rural. Os raparigos son hoxe un ben moi prezado no rural galego, pero os seus pais só atopan dificultades para crialos e non teñen as mesmas oportunidades que os das cidades polo que afillar criaturas é unha difícil aposta.

Ao PP que máis lle da! Eles fan a súa política e saben que, cando cheguen as eleccións, vanos seguir votando, porque a maioría da xente non é quen de relacionar os recortes sociais coa política do Goberno e as súas penalidades. E se recollen sinaturas… Pois terán unha listaxe para, cando chegue a campaña, convencelos de que non foi cousa súa.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar