Víctor Prieto fusiona culturas musicais con Ourense e o acordeón como protagonistas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o acordeonista ourensán Víctor Prieto presentaron a IV Master class internacional de acordeón (que se celebra os días 15 e 16 de xullo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”), na que Ourense e o acordeón serán os protagonistas, un evento que trae á provincia a músicos e estudosos deste instrumento, procedentes de Taiwan, Italia, Francia e Galicia, “unha mestura de culturas da man dun dos máximos representantes da nosa música: Víctor Prieto, afirma Manuel Baltar. A master class combina a parte teórica coa práctica e inclúe unha Jam Session conxunta, onde os participantes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos e as súas propias achegas musicais.

No acto tamén se presentou o concerto que Víctor Prieto ofrecerá o vindeiro 19 de xullo, ás 20.00 horas, no Teatro Provincial de Ourense, acompañado por unha banda de jazz integrada por músicos de Galicia, Alemaña e Estados Unidos.

O presidente do goberno provincial destacou a Víctor Prieto como “un dos grandes embaixadores de Ourense, que non esquece as súas raíces e que conta cunha carreira profesional chea de éxitos, triunfando en Nova York e noutros territorios do mundo e innovando día a día na música do acordeón, fusionando estilos e culturas”. Baltar expresou a satisfacción que supón para a Deputación de Ourense “colaborar con Víctor Prieto no concerto e na máster class que imparte, que se converte un ano máis nunha “ONU musical”, con participantes que chegan a Ourense desde diferentes países”.

No concerto do día 19 no Teatro Principal Víctor Prieto presenta o seu traballo The three voices, acompañado de grandes instrumentistas “que fan que cada concerto sexa toda unha experiencia musical, sempre sorprendente”, destacou Manuel Baltar. Xunto a Prieto compartirán escenario o saxofonista norteamericano Chris Cheek; o contrabaixista alemán Hanns Höhn; o batería alemán Benno Sattler; o pianista pontevedrés Alberto Vilas, e a violinista ourensá Sara Gil.

Víctor Prieto agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e destacou a importancia de eventos como a master class, “que permiten innovar e seguir promovendo iniciativas internacionais, sempre con Ourense presente nos meus proxectos musicais”, remarcou o acordeonista. Víctor Prieto (Ourense, 1975) está considerado un dos músicos máis innovadores no ámbito do jazz na actualidade. Ten revolucionado coa súa maneira de compoñer e interpretar música ao acordeón, segundo a crítica, investigando e creando novos sons e técnicas para este instrumento. A súa música abrangue diferentes tendencias que mesturan jazz, tango, música clásica e raíces celtas. É o creador dunha nova técnica para o acordeón denominada “aproximación de acorde en ambas mans”, a cal crea harmonías non interpretadas anteriormente.

Entre os seus próximos proxectos figura unha xira de concertos por Corea, Hong Kong, Taiwan e Estados Unidos, e a gravación do seu próximo traballo, un directo que terá lugar en Boston (Estados Unidos). Prieto desenvolve unha intensa labor docente e clases maxistrais en diferentes institucións musicais de Estados Unidos e Europa. Entre os premios acadados figuran un Grammy pola súa colaboración con Yo-Yo Ma Songs on Joy and Peace; o Sonny BMG 2010, e unha nominación aos Grammy en 2014 por “Mellor álbum de jazz”. Ademais, obtivo o primeiro premio Citta de Castelfidardo (Italia); o 1º Premio en Composición outorgado pola revista arxentina CMZ’s, e foi recoñecido como “Artista Creativo” da Asociación Española de Intérpretes e Executantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar