Deputación de Ourense e CEO colaboran na formación en comercio internacional

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou esta tarde no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o curso sobre Comercio Internacional, organizado pola Confederación Empresarial de Ourense no marco do Plan Exportou, unha iniciativa froito da colaboración entre a Deputación e a CEO que ten como apoiar a internacionalización das empresas de Ourense. A acción formativa ofreceu pautas para acceder ao mercado exterior e analizou aspectos normativos e de control para poder comercializar en diferentes países.

Xunto ao presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, o presidente do goberno provincial destacou que Deputación de Ourense e Confederación Empresarial de Ourense “manteñen a mesma folla de ruta, unha alianza que coincide plenamente no obxectivo de crear competitividade na nosa provincia e apoiar o emprendemento”. Baltar expresou que o Plan Exportou pretende, a través da realización de diversas actuacións que se están a desenvolver ao longo do ano, apoiar a internacionalización das empresas de Ourense, “unha iniciativa que a Deputación de Ourense vén materializando nos últimos anos con iniciativas como a misión comercial USA-Ourense en 2016 e que os vindeiro xoves e venres desenvolverá a súa segunda edición posibilitando o contacto entre máis de cen empresas ourensáns e estadounidenses”.

Tamén se referiu o presidente da Deputación á recente misión institucional e empresarial levada a cabo entre Ourense e Israel, cun marcado ámbito tecnolóxico e académico, e citou o Plan “Transforma Ourense”, desenvolvido en colaboración entre a Deputación e Abanca para achegar crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social. “Iniciativas –afirmou Manuel Baltar- que teñen a finalidade de xerar en Ourense un espazo de desenvolvemento económico e empresarial”.

Previamente á clausura do curso o experto en deseño e execución de programas vencellados coa internacionalización da empresa, Jesús Albizu, economista pola Universidade de Deusto, ofreceu un relatorio sobre internacionalización e exportación. Albizu ten desenvolvido programas en 21 países, algúns como o PIPE, polo que pasaron mais de 8.000 empresas en procesos de exportación, ou o SAFCO (sistema asistido de formación de consorcios). É un recoñecido experto en internacionalización de pemes pola Comisión Europea e Eurochambres, e relator en máis de 150 foros e seminarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar