Vaca e boi, novo soporte de calidade do vacún de carne galego

A Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia celebrou a súa I xornada técnica, dirixida a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. A Xornada, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, trazou unha folla de ruta sobre aspectos normativos, produtivos, tecnolóxicos e tendencias de mercado e consumo para a carne de Vaca e Boi de Galicia, que vai amparar a nova Denominación de Calidade. Precisamente hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG) publicouse o Regulamento das IXPs ‘Ternera Gallega’ e ‘Vaca e Boi de Galicia’ e do seu consello regulador común, así como a concesión da protección nacional transitoria para a nova IXP ‘Vaca e Boi de Galicia’.

Durante as sesións celebradas no marco desta I Xornada Técnica da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia abordáronse os principais temas de interese para os distintos actores implicados na cadea de valor do vacún galego acollido a este novo distintivo. O programa permitiu facer un achegamento á normativa reguladora da IXP, por parte do seu director técnico, Antonio Xende; centrouse tamén nos factores produtivos e as características tecnolóxicas da ‘Vaca’ e do ‘Boi’ de Galicia, da man de Teresa Moreno, do Centro Tecnolóxico da Carne, e de Santiago Crecente, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e do INGACAL, respectivamente; e aproximou a visión dos mercados desta carne e das tendencias de consumo, a cargo do xornalista experto en comercialización de carnes e redactor de Eurocarne, David Barreiro. A xornada foi clausurada pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente da IXP, Jesús González Vázquez, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos.

Marco Regulador da nova IXP

O director técnico das IXPs Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, Antonio Xende, foi o encargado de debullar ante os presentes a normativa reguladora da IXP Vaca e Boi de Galicia, que hoxe foi publicada no DOG, e indicou que a posta en marcha deste novo indicativo de calidade para o sector de vacún de carne de Galicia permitirá mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto, ao tempo que salientou o papel destas IXPs como “un factor de innovación, pero respectando a tradición”.

A medio prazo está previsto que se acollan á IXP preto de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen anualmente unhas 30.000 canais e se comercialicen ao redor de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.

CARNE FRESCA E DE ALTA CALIDADE

 

A finalidade deste selo de calidade é protexer e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois de Galicia. Este produto obtense das principais razas existentes na nosa comunidade, como son a rubia galega, morenas galegas, asturiana dos Valles, limusina, rubia de Aquitania, frisona e pardo alpina.

Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterizarase por ser unha femia que tivera polo menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supere os 48 meses de idade ao sacrificio.

A IXP abarca a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase produtiva e tipoloxía animal comercializarase cunha etiquetaxe específica que favorecerá a súa identificación no mercado.

 

PROXECTOS DA XUNTA

 

Pola súa parte, Teresa Moreno, Xefa de Investigación de Tecnoloxía Alimentaria do Centro Tecnolóxico da Carne, presentou as conclusións dos estudios correspondentes a proxectos de investigación financiados pola Xunta de Galicia e levados a cabo en coordinación ademais co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo sobre os factores productivos con maior influencia no engorde e acabado de vacas de desvelle para a súa valorización comercial, así

como a revalorización da carne destas vacas unha vez que rematan a súa etapa de produción, coa elaboración de produtos de alto valor engandido.

Tamén o Xefe de Sección de Investigación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Santiago Crecente, presentou os estudos do CIAM sobre sistemas produtivos de bois de raza Rubia Galega e de raza frisona, así como das características da carne obtida. “Os animais criámolos en sistemas baseados no pastoreo e no consumo de herba ensilada, cunha reducida presenza de concentrados”, indicou o enxeñeiro agrónomo.

 

EVOLUCIÓN

 

Pola súa parte, David Barreiro, xornalista experto en tendencias de consumo da revista Eurocarne, analizou na súa intervención a situación actual do consumo de carne de vacún maior en España e a súa evolución nos últimos anos, incidindo ademais nas preferencias dos consumidores de interese para o sector. Tamén, ofreceu unha visión de futuro con previsións para os vindeiros anos, coas ameazas e oportunidades do vacún maior.

Na hora das conclusións, o presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia ‐que agrupa ás IXPs ‘Ternera Gallega’ e ‘Vaca e Boi de Galicia’‐, Jesús González Vázquez, manifestou que “esta Xornada foi proveitosa e espertou o interese do sector, o cal fai pensar que a nova IXP vai ser unha iniciativa de éxito para o sector de vacún de carne de calidade galego”.

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que a creación da nova IXP Vaca e Boi de Galicia “supón outro impulso para o sector agrogandeiro galego”, e un paso máis no camiño de “seguir posicionando a Galicia como sinónimo de calidade”.

A Xornada, trala clausura, culminou cun xantar de confraternidade para todos os asistentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar