Galiza está a monte

“TI estás a monte”. É un insulto e non pequeno. Galiza está a monte, sen cultivar. Non é un insulto, senón a constatación dunha realidade. “Ningún país desenvolvido deixa a produción de alimentos nas mans de terceiros; todos manteñen o 50% do seu territorio como superficie agraria útil, pero aquí andamos polo 25% e baixando”, afirma Xosé Carballido, que, como director xeral, foi un dos creadores do Banco de Terras da Xunta cando gobernaba o BNG.

As causas hai que procuralas en razóns políticas, que determinan e agravan as socioculturais. O envellecemento da poboación, o abandono do agro, a emigración…, non son máis que a constatación dunha situación a que se chegou pola imposición de determinadas políticas e a falta doutras axeitadas a nosa realidade.

En Galiza existe unha agrofóbia que foi penetrando pouco a pouco no maxín común. O rural galego foi presentado acotío como sinónimo do atraso secular que padecemos, ligado a unha cultura propia, polo que, para rematar con ela, comezando pola lingua, había que rematar cos alicerces nos que se asenta.

A realidade pouco importa. “O rural galego sufriu unha transformación, tanto no social coma no económico, nos últimos 50 anos, maior que Alemaña ou Francia nos últimos 150”, afirma o profesor Edelmiro López Iglesias.

O denominado feismo é o paradigma desta campaña de autonoxo colonizador que, posta en marcha por un medio de comunicación, foi mercada por moitos persoas que se din progresistas e, aínda, nacionalistas. “As maiores desfeitas na paisaxe galega non as fixeron os paisanos”, afirma o profesor Augusto Pérez Alberti. Pouco importa. Se pos o foco cara un lado non se olla o outro.

O que non queren que enxerguemos, precisamente, é o grande fracaso da autonomía e dos seus gobernos. Está aí a vista de todos: o 75% de Galiza a monte!

Sen leis de ordenación do territorio axeitadas, sen unha lei agraria consecuente, na que a ordenación forestal ten que se unha peza basilar, sen unha diversificación, sen unha política autocentrada… Cando o bipartito comezou a facer algo foi derrubado con campañas difamatorias e insidiantes. Os intereses alleos máis unha vez por encima dos galegos!

O noso territorio é a constatación do noso abandono, de como as políticas da UE se impuxeron ás nosas necesidades.

E que non me veñan co minifundio e o “amor ao eido”. Non, todos os galegos queremos ver as nosas fincas traballadas e non a monte! Cando veñan os incendios, que virán, lembrémonos dos culpábeis.

Alguén pensaba que aquelo de “Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego” só era unha brincadeira de manifestantes…

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar