Concello e Deputación de Lugo impulsan a Feira de Productos Ecolóxicos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente, Argelio Fernández, e o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández Álvarez, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello a segunda edición da Feira de Produtos Ecolóxicos de Galicia Ágora Verde, que se celebrará os vindeiros venres e sábado no fondo da Praza Maior coa participación dunha vintena de produtores, maioritariamente de Lugo, aínda que tamén do resto da comunidade autónoma.

A principal novidade desta nova edición é o aumento das degustacións de productos que ofrecerán os diferentes postos. Celebrarase en horario de 17:00 a 22:00 horas o venres, e de 11:00 a 20:00 horas, o sábado.

A convocatoria de Lugo, que conta coa colaboración de entidade local e provincial, é a primeira dunha serie de feiras que o CRAEGA impulsa en Galicia este ano, e que terán lugar seguidamente en Monforte de Lemos, Sada e Vigo.

A Alcaldesa destacou que, se este ano se volve a celebrar o certame en Lugo, “é porque a primeira edición foi todo un éxito e queremos seguir potenciando este tipo de iniciativas”. Lara Méndez puxo en valor a importancia da agricultura ecolóxica no municipio lucense, que conta con 21 operadores inscritos no CRAEGA: 7 industrias, catro ganderías e 10 agricultores, “cifras suficientes como para que o Concello apoie esta feira e este sector en crecemento, que conta cada vez con máis produtores e consumidores”.

O Concello colabora coa Feira de Produtos Ecolóxicos por dúas “razóns principais”, subliñou a rexedora, “porque supón un elemento dinamizador máis da cidade que ten un importante retorno social e porque queremos impulsar e darlle visibilidade a este sector como oportunidade económica”.

O Deputado provincial de Medio Ambiente subliñou pola súa banda que dende a institución provincial “vamos a seguir apostando porque a provincia de Lugo siga sendo un referente na produción ecolóxica”. Neste senso, Argelio Fernández lembrou a posta en marcha da Escola de Agricultura Ecolóxica do Valadouro polo Goberno da Deputación, un centro público e gratuíto, e un “exemplo claro do compromiso da institución con este sector”.

O presidente de CRAEGA destacou a puxanza da agricultura ecolóxica en Galicia, como demostra que no ano 2016 a superficie certificada aumentase un 36,5% e a facturación acadase os 41,7 millóns de euros. En Galicia, Lugo é referente, concentrando a metade da superficie certificada, o 40% dos operadores e 15 millóns de euros de volume de negocio.

Así mesmo, José Antonio Fernández asegurou que o obxectivo do CRAEGA é celebrar menos feiras, facéndoo naqueles lugares nos que teñen unha boa acollida e adaptando as datas ás necesidades dos produtores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar