Afundación de Ferrol acolle a exposición do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A Sede Afundación de Ferrol (praza da Constitución, s/n) acollerá a partir do martes 20 de xuño, e ata o 15 de xullo a exposición do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A mostra, organizada a partir da colaboración entre Afundación e o festival Outono Fotográfico, reúne os ensaios de Berto Macei e Jose Romay que obtiveron ex aequo o II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea que convoca desde o ano 2013 a Asociación Proxecto Benito Losada e o festival Outono Fotográfico, grazas ao patrocinio da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Este premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento.

Na serie fotográfica de Macei, o autor segue as propostas de James Monaco verbo do film noir non ser un xénero per se, senón máis ben un estilo visual. Por tanto, nas súas fotos preséntase unha estética influenciada polo expresionismo alemán. Se se atende ao fondo, tamén Macei se vincula co realismo poético francés a través dunha sorte de fatalismo que rodea os personaxes que fotografa ou os sempre recorrentes heroes vidos a menos. En cada imaxe vai facendo énfase na autenticidade, coma no neorrealismo italiano. Fotografías de Berto Macei.

O neodocumental de Romay, Rururbania Salnés, alude á linguaxe clásica deste xénero, como vemos neste traballo, para manipulala coma os coetáneos americanos de Romay. O autor explora os límites entre o rural e o urbano, o construído e o natural. Artella unha análise ben diferente ás que se teñen feito do espazo común en Galicia. Nela persegue unha lectura máis pausada da relación entre paisaxe e territorio cunha certa carga de retranca na mensaxe que enche as imaxes de elementos secundarios que, ademais, falan da intencionalidade do proxecto.

Jose Romay presenta en Rururbania Salnés un territorio hostil onde os límites entre o verde e o gris se foron desenleando para dar en tons alaranxados que achegan o humanizado e o salvaxe, e que mesturan o industrial co habitable. Fotografías de Jose Romay.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar