TVG: María do Ceo visita hoxe os “Larpeiros”

Hoxe, na casa dos “Larpeiros” estará unha das artistas portuguesas máis queridas en Galicia, María do Ceo. E tendo a María de visita todos están de acordo en que o menú ten que ser portugués ou unha mestura galego-portuguesa, xa que a convidada leva máis de media vida en Galicia. Antes de saber da visita tan especial que terían hoxe don Benigno xa puxera un polbo a desconxelar, así que o primeiro prato será guiso de polbo con chícharos e patacas. E a artista, que é unha muller de recursos, propón facer un entrante luso: boliños de bacallau.

Pola súa parte, Adrián irá ata Lugo e da man de Aurora Baranda, unha das polbeiras máis famosas e recoñecidas, converterase en todo un experto na arte de cocer polbo. De volta na casa, a festa vai ser completa coa torta de queixo con cereixas coa que Merchi e Leni agasallan ao resto dos Larpeiros.

 

O MELLOR POLBO DO MUNDO

 

A TVG aventúrase hoxe a comprobar se o polbo galego é o mellor do mundo. Nunha época en que o mar que bordea as costas de Galicia está cargado do prezado cefalópodo, as cámaras da canle pública irán ata Bueu, Carnota e Pontevedra, e, por suposto, cara ao interior, a Lugo e Ourense, onde a tradición é comelo.

 

Por que hai tan bo polbo en Bueu? Sabe mellor á feira ou á brasa? Hai que tomalo con viño branco ou tinto? Como hai que cocelo? De onde vén a tradición polbeira do Carballiño?… Estas son algunhas das moitas preguntas ás que dará resposta hoxe o programa “O mellor polbo do mundo”, que se estrea hoxe e en que os espectadores poderán coñecer persoas que viven rodeadas de polbo.

As reporteiras Belén Vara e Ariadna Leis descubrirán as excelencias do polbo da Illa de Ons, que para moitos é o mellor que hai. Tamén estarán en Carnota, onde aprenderán a capturar un delicioso polbo cos mariñeiros de Lira e presenciarán como o preparan para enviar ás mesas de toda España e parte do estranxeiro. O percorrido de “O mellor polbo do mundo” continuará en Pontevedra, onde o programa amosará como é a vida dunha familia de polbeiros. Os “templos” deste produto tan galego tamén terán cabida no espazo, que visitará a Pulpería Aurora de Lugo; A Pulpeira de Melide, da Coruña, e o tradicional bar Fuentes, do barrio de Conxo, en Santiago de Compostela.

Así mesmo, os espectadores coñecerán distintos xeitos de cociñar o cefalópodo, que pode facerse á mugardesa ou comerse en empanada, como fan en Oroso. En Ferrol, será o cociñeiro Miguel Ángel Campos quen desvele os seus segredos para preparalo. Ademais, achegaranse á historia das famosas polbeiras do Carballiño e á relación do mosteiro de Oseira co polbo. Verán como transcorre un día de feira en Guitiriz e, coa axuda das actrices María Mera e Susana Sampedro, e o presentador Juan Fuentes, descubrirán por que o polbo é un gran acompañante en ocasións especiais. A Requinta da Laxeira, de Vedra, poñerá a música a “O mellor polbo do mundo”.

SOPA DE FESTA

 

“Sopa de Festa” achegaralles esta noite aos espectadores unha das celebracións gastronómicas máis importantes da provincia de Ourense: a Festa do Peixe de Bande, que non só é importante polo evento gastronómico que organizan senón tamén pola calidade e variedade das súas actividades, así como tamén pola súa veteranía, xa que este ano cumpre a 46ª edición. O equipo do programa compartirá unha xornada de troula con todos os seus veciños.

Antes de mergullarse no ambiente festeiro, a reporteira Paula Señarís achegarase ata o río Limia para falar cun pescador da zona que lle contará como foron os comezos desta celebración. Ademais, antes de probar os peixes, tamén visitará as cociñas dun establecemento do lugar para preparar uns saborosos peixes pescados no río que atravesa a contorna.

SEN BARREIRAS

 

O programa “Sen Barreiras” asiste hoxe á rodaxe da primeira webserie en lingua de signos española, “Mírame cuando te hablo”, en que se desenvolven situacións cotiás entre compañeiros de piso con romanticismo, malentendidos, enfados e tensión. Este proxecto é totalmente innovador e responde a unha forte demanda de contidos de entretemento por parte das persoas xordas.

Por outra parte, o programa amosará aos espectadores Naranja Imaginaria, un proxecto artístico, transformador e pedagóxico realizado por persoas con discapacidade intelectual e centrado na música electrónica, as novas tecnoloxías e a participación, ofrecendo un espectáculo cheo de emocións e onde o son, as luces e a experimentación enchen cada oco.

A REVISTA

 

“A Revista” visita en Mos a Festa da Rosa, declarada Festa de Galicia de Interese turístico. Os actos consisten en concursos de Ramos de Rosas e Empanada de Pan de Millo e actividades lúdicas, deportivas e culturais coma o Concerto de Bandas, a Carreira Popular Nocturna, a Xuntanza de Palilleiras ou o Campionato de Fútbol Memorial Juan Estévez “Meniño”. A lectura do pregón virá a cargo do grupo musical María Fumaça. O programa tamén falará do proxecto de educación dixital integral que a Xunta está a preparar para o próximo curso. Os reporteiros estarán no CEIP A Cristina de Carballo, un centro que non usa ningún libro de texto e xa dispón de taboleiros dixitais e netbooks.

Por outra parte, no estudio de gravación estarán as colaboradoras habituais, a avogada Ana Camiño, que falará da ocupación ilegal de inmobles, e a a readaptadora física Alba Cons.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar