O alcalde de Pontevedra defende en Málaga as “cidades intelixentes”

O alcalde de Pontevedra subliña en Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade Urbana que “as TICs son unha ferramenta que acompaña ás decisións políticas”, as que guían o modelo a seguir
Pontevedra amosa que a ocupación do espazo público polas persoas marca a diferenza á hora de falar de calidade de vida, de calidade urbana

Lores comparte mesa de debate cos alcaldes de Cáceres, L´Hospitalet de Llobregat, Málaga, Jaén e Vila-Real
“As cidades intelixentes son as que fan que as persoas que viven nelas sexan felices”. Nestes termos comezaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a súa intervención na mesa de alcaldes celebrada en Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade Urbana que abriu este mércores as súas portas en Málaga.Neste espazo de exposición, debate aberto, avaliación e reflexión tiña ao lado a outros cinco rexedores: a alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado; á de L ́Hospitalet del Llobregat, Nuria Marín; ao alcalde de Jaén, Javier Márquez; ao de Málaga, Francisco de la Torre e ao de Vila-Real, José Benlloch.Loes abriu o foco do debate ao definir as novas tecnoloxías como “unha ferramenta que acompañas ás decisións políticas” , pero subliñando que son estas as que mudan unha cidade e transforman a vida das persoas.

Neste senso lembrou e reivindicou as competencias municipais e entre elas destacou que “temos competencia sobre o espazo público, podemos actuar nel” para, de seguido, falar da transformación urbana de Pontevedra. Contou como de ser un almacén de coches, unha cidade agresiva, contaminada, ruidosa, triste… pasou a ser unha cidade na que se reduciu drasticamente o número de coches e con elo a contaminación por CO2, na que os veciños e veciñas ocupan o espazo público, accesíbel para todas e todos, amábel… “unha continuación da casa”. “Non hai que ter medo de tomar decisións” engadiu.

O alcalde de Jaén, Javier Márquez, que coñecía o noso modelo urbano en detalle -dixo que Jaén está en fase de peonalización e ten en Pontevedra o seu exemplo- tamén reivindicou que as TICs teñen que estar ao servizo das persoas.

As intervencións de Lores, dunha maneira mais contundente, e de Márquez viraron o debate que comezara coa exposición de proxectos concretos axustados á definición de “smart city” dos outros rexedores. A alcalde de Cáceres sinalara que son a primeira cidade de Estado de ter controlado telematicamente o 100% dos seus espazos verdes. A alcaldesa de L ́Hospitalet de LLobregat reivindicara o concepto “smart social city” . Pola súa banda o alcalde de Málaga puxera a énfase en proxectos locais nos que as TICS- concentradores de información- controlan servizos como a auga. E o alcalde de Vila Real confía na innovación e tecnoloxía para definir marcas propias que fagan máis doado desenvolvemento económico, cultural e social da súa cidade, que multiplicou por dous a poboación nas últimas décadas.

Se a alcaldesa Nuria Marín falou do implementar o concepto “smart city” co de “smart Social city”, o alcalde Pontevedra falou da necesidade de buscar un concepto que substitúa ao de peón. “Un peón é alguén que camiña, que vai dun lado a outro pero en Pontevedra a xente ocupa os espazos públicos, fai súa a cidade… é máis cun peón”.

Greencities, Foro de Intelixencia e Sostenibilidade Urbana desenvólvese hoxe e mañá en Málaga. Representantes institucionais, profesionais e empresas teñen neste escenario un punto de encontro para amosar e intercambiar experiencias, produtos e servizos dirixidos á mellora da calidade de vida das persoas e vencellados ao desenvolvemento das chamadas cidades intelixentes (smart city).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar