20 lucenses puxeron en marcha a súa empresa grazas ao plan Inicia Coworking

 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que vinte emprendedores lucenses puxeron en marcha a súa propia empresa grazas ao Inicia Coworking, un programa impulsado polo Concello en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) que ofrece de xeito gratuíto un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito un negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

A rexedora fixo balance esta mañá na Sala Coworking do CEI Nodus da primeira fase deste proxecto de fomento do emprendemento nun acto ao que asistiu a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a área municipal que coordina a iniciativa; a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; o mentor dos proxectos emprendedores, Roberto Touza; e os emprendedores que tomaron parte na primeira convocatoria do programa; así como Rodolfo Ojea, xerente da Fundación CEL; Mauricio Repetto, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Lugo; Beatriz Varela, presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo; e José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, entre outros representantes do mundo empresarial da cidade e da provincia.

Lara Méndez anunciou que a primeira fase do plan Inicia Coworking, que se desenvolveu nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses, terá o seu “broche de ouro este xoves, cunha gala no MIHL, na que os emprendedores expoñerán ante o tecido empresarial os seus proxectos, o que supón unha plataforma de lanzamento fundamental, e que contará coa presenza do prestixioso economista Emilio Duró, que ofrecerá a conferencia de motivación Non vale renderse”. Os actos desenvolveranse entre as 17:00 e as 22:15 horas.

Calidade e futuro
A alcaldesa destacou a calidade e as posibilidades de futuro dos 20 proxectos que naceron ao abeiro da primeira edición do Inicia Coworking, a maior parte deles relacionados coas novas tecnoloxías, turismo e consultoría. Méndez felicitou aos seus impulsores “por afianzar a súa idea e polo seu esforzo para chegar ata aquí”, e convidounos a seguir utilizando as instalacións do CEI Nodus para consolidar o seu proxecto e “aproveitar as sinerxias con outros emprendedores, empresas e administracións”. Lara Méndez desexou “éxito” a estas 20 iniciativas, “que de pequenas empresas pasen a ser grandes empresas, e xeren máis emprego, como xa ocorreu noutros casos en Lugo; iniciativas que empezaron de pouco son hoxe grandes firmas, mesmo de ámbito internacional”.

Aberta a segunda convocatoria
Lara Méndez informou de que está aberta a segunda convocatoria do Inicia Coworking, da que se beneficiarán outros 20 emprendedores. Os interesados poden solicitar a súa participación a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal, ata o vindeiro 23 de xuño. O próximo ano abriranse dúas convocatorias máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores.

“Queremos reter en Lugo o talento dos lucenses, que é moito, como queda demostrado con esta iniciativa”, que o Concello impulsa dentro do seu compromiso coas políticas de fomento do emprego a través do emprendemento, tendo en conta que “a actividade que levan a cabo os emprendedores e as PEMEs xeran preto do 70% do emprego do país, o que os sitúa como o principal motor da economía”, explicou a Alcaldesa. Neste senso, sinalou que a Taxa de Actividade Emprendedora indica que as iniciativas con menos de tres anos e medio de vida continúan en incremento e que máis do 73,5% corresponde a emprendedores por oportunidade e non por necesidade.

A rexedora subliñou que nos últimos orzamentos o Concello destinou 5 millóns de euros a iniciativas vinculadas co fomento do emprego, “aínda non sendo unha competencia municipal, pois é da Xunta e do Goberno do Estado, pero mentres haxa taxas de paro tan elevadas as administracións temos a responsabilidade de investir neste eido”.

Profesores de nivel
Pola súa banda, o mentor dos proxectos emprendedores, Roberto Touza, puxo en valor o traballo dos profesores que pasaron polo programa Inicia Coworking, “da talla de Andrés Pérez Ortega ou Javier Martín, de recoñecido prestixio a nivel nacional” e dos mentores, que prestaron un asesoramento persoal e individualizado.

Vídeo promocional da TIC
A Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, felicitou ao Concello por esta iniciativa e o seu “rotunto éxito”, e tamén aos emprendedores. “Sen ter as competencias, Concello e Deputación estamos tirando do carro porque é necesario con proxectos coma este que, non só reducen as taxas de desemprego, senón que contribúen a xerar unha estrutura empresarial que cree postos de traballo”. A Deputación colaborou co Inicia Coworking a través da Fundación TIC coa elaboración dun vídeo promocional no que os propios 20 emprendedores beneficiarios desta primeira edición explican o seu proxecto. Este material audiovisual difundirase nas redes sociais e a través dos medios de comunicación.

260 proxectos
O Concello desenvolve o plan Inicia Coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria. Cun orzamento de 800.000 euros, ofrecerase entre este ano e o 2018 de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

Aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar