Vigo súmase ao Día do Medio Ambiente cunha exposición sobre o cambio climático


Vigo súmase á celebración do Día do Medio Ambiente o 5 de xuño baixo o lema “Conectando á xente coa natureza, desde os polos ata o ecuador”. O Concello creou unha sala sobre cambio climático onde se simula a realidade de diferentes hábitats para dar a coñecer os seus problemas e as solucións posibles. Conta cun iglú esquimó e dúas carpas nas que hoxe participaron 236 escolares vigueses dos CEIP Coutada-Beade, Doutor Fleming e Pintor Laxeiro.

O alcalde anunciou que a sala se converterá “nunha exposición permanente no zoo, onde seguiremos recibindo aos nenos a partir de agora”, advertindo que “a nosa acción de medio ambiente é durante todo o ano, non só o día 5”. Así, lamentou que esta celebración coincidise coa “decisión de Trump de abandonar o Acordo de París e, por tanto, a loita contra o cambio climático, o que nos provoca un gran estupor pola insensibilidade e a barbarie que significa esa decisión”, destacou, á vez que asegurou que “cada un na medida da súa acción seguiremos na loita para tratar de concienciar aos máis pequenos cos valores da loita contra o cambio climático.

No tocante ás accións municipais a prol do medio ambiente, Caballero indicou que no ano 2016 o goberno local recolleu 35 toneladas de aceite usado, “isto é moi importante porque acabarían no mar”, fronte ás 7 toneladas que se recolleron “en 2007, cando chegamos. Agora son 35 e seguiremos no empeño de aumentala”. A recollida de ovos de gaivota para evitar a súa proliferación, a esterilización de 4.000 gatos na rúa e a campaña de voluntariado a Cíes, que se traduce en 20.000 horas de traballo realizado por 1.200 voluntarios tamén foron as actividades recordadas polo alcalde, que felicitou á concelleira Chus Lago.

O rexedor destacou tamén os 9.000 carnés de “Camiño a camiño” que se fixeron xa e a marcación de dous novos carreiros, a atención aos humidais, “que é unha satisfacción ver como están vivos e coidados”, e as nove hortas urbanas, que seguen sendo unha “actividade ambiental excepcional”. Con todo, destacou as nove bandeiras azuis e os tres sendeiros azuis da cidade, “o que nos converte na cidade de España con más distintivos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar