Concierto de Cristina Pato en Nueva York

O vindeiro 8 de xuño Cristina Pato actuará no Concerto de Despedida de Alan Gilbert, o director artístico da New York Philharmonic, unha das orquestras máis destacadas do planeta. Alí a gaiteira tocará xunto con Yo-Yo Ma ao cello e o propio Gilbert ao violín, ademais doutros músicos de Silk Road. As entradas están esgotadas desde hai semanas.

Este concerto está enmarcado dentro dun programa que o director da NY Philharmonic quixo denominar “A concert for unity”, chamando a crear unha diplomacia cultural a través da música. É un conxunto de tres concertos e un simposio no que participan tamén moitos outros músicos como o trompetista Wynton Marsalis. É por iso que quixo contar con Silk Road, a formación de Yo-Yo Ma da que forma parte Cristina Pato, con músicos de todo o mundo, coa idea de crear unha orquestra que quere representar a globalidade.

O 8 de xuño Cristina Pato interpretará unha peza concibida e encargada por ela –The Latina 6/8 Suite e escrita polo compositor Edward Perez a partir do proxecto do seu último disco, Latina. Tocarán con ela Yo-Yo Ma, Edward Perez e o propio Alan Gilbert.

Trátase de facer unha viaxe a través da inmigración que comeza coa historia dun poeta de Al Andalus que chegou a DamascoIbn Arabi Postlude de Kinan Azmeh- e continúa con The Latina 6/8 Suite, que conta a historia de que se unha palabra  (latina) pode definir tantas nacións, entón un só ritmo tamén nos podería representar, referíndose ao patrón básico de 6/8 dunha muiñeira pero tamén de moitos máis ritmos destes países, como a tarantella. Dentro do programa tamén interpretarán a sétima Sinfonía de Mahler.

Primeira gaiteira en tocar coa NY Philharmonic

Cristina Pato xa ten actuado anteriormente coa New York Philharmonic: en febreiro de 2015 convertiuse na primeira gaiteira en tocar con esta afamada orquestra, nun concerto no que interpretaron Rose of the Winds de Osvaldo Golijov. Aquí vai o enlace ao vídeo gravado para o telexornal da TVG naquela ocasión.

A gaiteira volve a Nova York logo dunha xira este maio pola República Dominicana con Silk Road Ensemble, a banda liderada polo cellista Yo-Yo Ma da que é membro. Alí o 27 de maio participaron nunha proxección especial do documental de Morgan Neville The Music of Strangers, no que a propia Cristina é unha das protagonistas, con posterior concerto. O programa estaba organizado por The Muse Seek Project, que fomenta a inclusión e ten como obxectivo abrir o mundo da música aos nenos xordos en toda a República Dominicana. Tamén participaba a Unesco e ONU Mulleres.

Mentres, Cristina Pato continúa como “artista distinguida” no Departamento de Música da Universidade de Harvard logo de impartir un curso sobre etnomusicoloxía nesta institución. De feito o pasado 13 de maio Pato participou xunto con Howard Gardner e Steve Seidel na celebración dos 20 anos do Master en Artes na Educación desta universidade.

Cristina Pato

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo Wall Street Journal, a súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Actúa como asesora de Educación do Silkroad, ten sido artista residente en varias universidades, incluindo Harvard, a Universidade de California, Santa Barbara, e o College of the Holy Cross, e é a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection

Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers University (EE.UU.), títulos de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e o Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar