A Deputación de Ourense concede a Carlos Casares a Medalla de Ouro

O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade na sesión plenaria correspondente ao mes de maio, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, iniciar o procedemento para conceder ao escritor Carlos Casares a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo.

Desta maneira, a corporación provincial ratificou a providencia da Presidencia, do 18 de maio de 2017, pola que se incoa o expediente para o outorgamento da dita Medalla de Ouro da Provincia ao intelectual ourensán, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas 2017.

 

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLOS SERVIZOS PRESADOS NA REDE DE CENTROS DE RECOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS (BOP N.º 39, DO 17 DE FEBREIRO DE 2014)

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza fiscal reguladora das taxas polos servizos prestados na Rede de Centros de Recollida de Animais Abandonados, do seguinte xeito:
a) Derrogar o artigo 22 da citada ordenanza.
b) Modificar o artigo 24 da dita ordenanza (que unha vez derrogado o artigo 22 pasaría a ser o artigo 23), que queda redactado como segue:
Artigo 23.- Normas comúns de xestión, liquidación, inspección e recadación
1. “As taxas reguladas nesta Ordenanza esixiranse mediante liquidación emitida polo Servizo de Xestión Tributaria e Recadación unha vez prestado o servizo, de acordo cos datos remitidos polos distintos centros de recollida de animais abandonados.
2. O pagamento das taxas realizarase nos prazos recollidos no artigo 62 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, en calquera das entidades bancarias colaboradoras que se indiquen na liquidación, a través da pasarela de pagos da sede electrónica da Deputación Provincial ou por calquera outro medio que se habilite pola Deputación Provincial.
3. No non previsto nesta ordenanza, a inspección e recadación da taxa rexerase polo establecido na lexislación tributaria vixente que resulte de aplicación.”

2º.- Someter esta modificación da ordenanza a información pública e audiencia dos interesados, de conformidade co disposto no artigo 17 do RDL 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, polo prazo de 30 días hábiles, mediante anuncio que se publicará no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no taboleiro de edictos da Corporación en nun diario dos de maior difusión na provincia. Durante o expresado prazo poden presentarse as reclamacións e suxestións que se estimen oportunas, que serán resoltas pola Corporación Provincial, coa aprobación definitiva, se é o caso, da modificación da ordenanza. Se non se presentan reclamacións ou suxestións entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación provisional adoptado, procedéndose á publicación do texto consolidado da ordenanza no BOP.

CAMBIO DE TITULARIDADE DA ANTIGA VARIANTE DA ESTRADA PROVINCIAL OU-1201, MEDIANTE PERMUTA COA ESTRADA MUNICIPAL DE ENLACE DA OU-540 COA OU-1202

Acordo:

1º.- Prestarlle conformidade ao cambio de titularidade das seguintes estradas:
Ramal antigo da estrada provincial OU-1201:
-Descrición: treito vello de estrada que dá acceso á canceira de Muíños e a outras instalacións municipais. Ten unha lonxitude total de 727 metros, con anchos totais variables entre 5,50 e 6,50 metros. A capta de rodadura está formada por unha rega asfáltica. Non ten interese para a Deputación e si para o Concello de Muíños, polas instalacións existentes.
-Titular actual: Deputación Provincial de Ourense.
-Administración á que se lle transfire: Concello de Muíños.
Estrada municipal con orixe na OU-540 (As Conchas) e fin na OU-1202 (As Carreiras):
-Descrición: ten unha lonxitude total de 539 metros, dos que 200 m son con mestura en quente e os 339 restantes de rega asfáltica. O primeiro treito de 200 m ten un acho total de 5 m ( 4 m de firme e beiravías de zahorra de 0,5 m). Os restantes 339 m teñen un acho total de 5 a 6 m con beiravías de 0,50 m.
-Titular actual: Concello de Muíños.
-Administración á que se lle transfire: Deputación Provincial de Ourense.

2º.- Propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación do cambio de titularidade das estradas, recollido no apartado anterior, aprobado igualmente polo Concello de Muíños mediante acordo do 28 de abril de 2017.

CESIÓN Á DEPUTACIÓN DE OURENSE DA ESTRADA MUNICIPAL DE XINZO A VILAR DE BARRIO, CON ORIXE NA N-525 E FINAL NA OU-1102, NAS PROXIMIDADES DE VILAR DE BARRIO

Acordo:

1.- Prestarlle conformidade á cesión á Deputación Provincial de Ourense da seguinte vía:
-Descrición: viario con orixe na N-525 en Xinzo e remate na estrada provincial OU-1102, no termo municipal de Sarreaus. Ten unha lonxitude total de 12.000 m, cun ancho de firme de 7 m, con capa de rodadura de mestura asfáltica en quente. Orixinalmente foi deseñada e construída pola Xunta de Galicia como pista agrícola de acceso aos predios que a limitan.
-Titular actual: Concello de Xinzo de Limia (pk 0 ao pk 7,040) e Concello de Sarreaus (pk 7,041 ao pk 12.000).
-Administración á que se lle transfire: Deputación Provincial de Ourense.

2.- Propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación do cambio de titularidade da estrada, recollido no apartado anterior, aprobado polo Pleno do Concello de Xinzo de Limia do 24 de marzo de 2017 e polo Pleno do Concello de Sarreaus do 28 de abril de 2017.

CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE E OS CONCELLOS DE CENLLE, PUNXÍN E SAN AMARO PARA A CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE EXPLOTACIÓN E MANTEMENTO E DA SUBMINISTRACIÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA DAS INSTALACIÓNS DE ABASTECEMENTO EN ALTA “RAZAMONDE-SAN TROCADO”

Acordo:

1º.- Aprobar o Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a contratación do servizo de explotación e mantemento e da subministración de enerxía eléctrica das instalacións de Abastecemento en Alta “Razamonde-San Trocado”, de acordo coas seguintes cláusulas:

Constitúe o obxecto do presente convenio o establecemento do marco regulador da delegación na Deputación Provincial de Ourense do exercicio das competencias dos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a contratación delegada do servizo de explotación e mantemento das instalacións de abastecemento en alta “Razamonde-San Trocado” (en adiante infraestrutura) e da súa subministración de enerxía eléctrica, como fórmula de cooperación da Deputación cos concellos para garantir a calidade na prestación deste servizo.

Son parte no presente convenio as seguintes administracións públicas:
a) Os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro que actúan no exercicio das competencias que lles corresponden para a prestación do servizo de abastecemento de auga potable, de conformidade co establecido no artigo 27.1 e 27.2.b) da Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia.
b) A Deputación Provincial de Ourense, que actúa no exercicio das súas competencias de cooperación e asistencia a concellos previstas no artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, en relación co disposto no artigo 195.i) da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia, que expresamente prevé a delegación de competencias como técnica de colaboración e cooperación entre as entidades locais galegas.

Contido da delegación de competencias establecida no presente convenio.
1. En virtude do presente convenio, os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro delegan na Deputación Provincial de Ourense o exercicio das competencias para a realización dos actos seguintes:
a) A contratación do servizo de explotación da infraestrutura cunha empresa especializada, incluíndo o mantemento preventivo de equipos e obra civil así como o tratamento de caudais durante un período de dous anos prorrogable, por mutuo acordo das partes, por outros dous anos máis.
A delegación das competencias de contratación do servizo indicadas comprende o exercicio de todas as facultades que como órgano de contratación lle corresponden aos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro en relación coa contratación da prestación do servizo de explotación e mantemento preventivo da infraestrutura, incluíndo a realización de todos os actos de preparación do expediente de contratación, licitación e adxudicación do contrato, modificación, interpretación e resolución do contrato, seguimento e control do seu cumprimento e, en xeral, todos os actos que en relación co dito contrato lle corresponden ao órgano de contratación, incluíndo a resolución dos recursos contra os ditos actos, cando proceda.
No exercicio desta delegación, a Deputación Provincial elaborará un proxecto de expediente de licitación, que incluirá os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas. O proxecto de expediente será sometido, previamente á súa aprobación, á prestación de conformidade por parte dos órganos municipais competentes en materia de contratación. A Deputación non poderá proceder á aprobación do expediente e á licitación do contrato sen a dita conformidade previa.
b) A contratación da subministración da enerxía eléctrica necesaria para o funcionamento da infraestrutura, que se realizará na modalidade de contratación de subministración a tarifa.
2. Quedan excluídos do presente convenio as seguintes prestacións:
-O control analítico das augas subministradas en alta pola instalación. Os concellos poderán contratar libremente a realización dos traballos de control ou adherirse de modo conxunto ao convenio marco de colaboración entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos e mancomunidades da provincia para o cumprimento de obrigas municipais en materia de augas destinadas a consumo humano previstas no Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios de calidade das augas de consumo humano. Neste último caso, os concellos establecerán no acordo de adhesión a porcentaxe de distribución entre eles dos prezos públicos establecidos no convenio marco.
– Os custos de reparación e/ou substitución tanto de elementos electromecánicos como da obra civil. No caso de producirse estas necesidades, a Deputación, a través dos servizos técnicos da Área de Medio Ambiente, comunicaralles as incidencias aos concellos e, se así o solicitan, asesoraraos respecto das actuacións a seguir, sen que en ningún caso estas actuacións queden comprendidas no alcance material e económico deste convenio.
A comisión de seguimento do convenio poderá establecer un protocolo de actuación para a comunicación de incidencias nos elementos electromecánicos e na obra civil da infraestrutura, así como para o estudo das fórmulas de resolución destas incidencias.

Réxime económico da delegación.-
1. A Deputación repercutiralles aos concellos delegantes os custos efectivos resultantes dos contratos delegados.
O reparto destes custos farase en función da participación dos concellos en relación co peso que cada un deles ten no proxecto da instalación para a potencial demanda de auga, conforme coas regras seguintes:
a) Os custos derivados do contrato do servizo de explotación en mantemento da infraestrutura repartiranse conforme coas seguintes porcentaxes:
40% Cenlle
25% Punxín
35% San Amaro
b) Os custos derivados da contratación da subministración de enerxía eléctrica distribuiranse conforme coas seguintes regras:
Os custos fixos (termo de potencia e alugueiros, e os impostos relativos a estes custos) repartiranse nas seguintes porcentaxes:
40% Cenlle
25% Punxín
35% San Amaro
Os custos variables (termo de enerxía e peaxes, e os impostos relativos a estes custos) distribuiranse segundo os m3 de auga demandada da infraestrutura por cada concello. Para estes efectos, na liquidación a Deputación establecerá o custo do metro cúbico, dividindo o custo variable total soportado polo volume demandado no período de liquidación de referencia segundo o punto entrega.
A Deputación Provincial de Ourense asumirá os gastos da tramitación da contratación delegada que realice cos seus medios propios, persoais ou materiais, incluíndo os custos asumidos pola Deputación para a realización dos actos preparatorios e de control do contrato.
2. A repercusión dos custos realizarase pola Deputación mediante liquidación trimestral, que lles será notificada aos concellos no mes seguinte ao remate de cada trimestre, dispoñendo estes dun prazo de trinta días hábiles para o seu pagamento.
En caso de falta de pago en prazo, a Deputación Provincial poderá a exercer as accións administrativas e xudiciais oportunas para o cobro da débeda, incluíndo, de ser o caso, a execución das garantías constituídas polos concellos conforme co establecido no apartado seguinte, ou a compensación cos créditos de que dispoñan os concellos fronte a facenda provincial.
3. Os concellos garantirán as obrigas económicas derivadas do presente convenio mediante algunha das seguintes fórmulas:
a) Os concellos que teñan delegada na Deputación a xestión tributaria e recadación dos seus tributos, poderán constituír a garantía con cargo á recadación destes, sempre que o volume estimado dos tributos delegados sexa suficiente para cubrir as obrigas derivadas do convenio. Para tal efecto, no acordo de aprobación do presente convenio, os concellos deberán autorizar expresamente á Deputación a deducir dos tributos recadados por delegación o importe non satisfeito en período voluntario das liquidacións de gastos derivados deste convenio.
A aprobación do convenio por parte da Deputación queda suxeita á emisión de informe pola Área de Facenda – Tesourería en canto á suficiencia da garantía prestada nesta modalidade.
No suposto de concellos que delegasen a xestión tributaria e recadación de determinados tributos, cuxo importe segundo o último padrón tributario sexa insuficiente para garantir as obrigas económicas derivadas do presente convenio, deberán igualmente constituír garantía polo importe da diferenza resultante nalgunha das fórmulas establecidas no apartado seguinte.
b) Alternativamente á garantía establecida no apartado a), os concellos poderán constituír calquera das seguintes:
– Aval prestado por entidade de crédito, polo importe total das obrigacións económicas derivadas do convenio, executable directamente a requirimento da Deputación.
– Seguro de caución polo importe total das obrigacións económicas derivadas do convenio, executable directamente a requirimento da Deputación.
– Acordo de afectación da participación en tributos do Estado ou da Comunidade Autónoma do concello, polo que se autorice á Deputación a requirir ao seu favor o ingreso das cantidades adebedadas, sendo título executivo suficiente a certificación de descuberto expedida pola Intervención provincial. O acordo deberá afectar á participación en tributos ata o importe das obrigas económicas derivadas do convenio, e para a súa validez deberá acompañarse de certificación expedida polo secretario – interventor do concello na que se expresen as débedas líquidas, vencidas e esixibles do concello coa Administración Xeral do Estado e calquera dos seus entes dependentes, a Comunidade Autónoma e calquera dos seus entes dependentes e a Tesourería da Seguridade Social, e se acredite que a cantidade afectada da participación en tributos do Estado ou da Comunidade Autónoma, segundo o caso, non se atopa xa afecta ao cumprimento doutras obrigas de calquera clase.
4. Para os efectos do establecido no apartado 3 desta cláusula, o importe das obrigas económicas derivadas do presente convenio establécese, para cada concello, nas seguintes contías:
Cenlle: cen mil euros (100.000 €)
Punxín: setenta e cinco mil euros (75.000 €)
San Amaro: cen mil euros (100.000 €)
As garantías establecidas para a válida aprobación do convenio deberá acadar o importe sinalado. Sen prexuízo disto, os concellos poderán actualizar á baixa as garantías constituídas nos seguintes supostos:
a) Unha vez adxudicado o contrato de servizos, en función da baixa obtida pola Deputación na licitación.
b) A medida que se vaian aboando as liquidacións trimestrais de custos, polo importe efectivamente aboado.
No suposto a), a Deputación comunicaralles aos concellos a baixa obtida e a rebaixa do importe da garantía resultante, de ser o caso, podendo a partir deste momento os concellos proceder directamente ao reaxuste da garantía, comunicándollo á Deputación.
No suposto b), os concellos poderán proceder ao reaxuste das garantías de modo directo, comunicándollo á Deputación.

O presente convenio terá unha duración de catro anos, contados a partir da data da súa formalización, podendo prorrogarse nos termos e prazos establecidos na Lei 40/2015, de 1 de outubro de réxime xurídico do sector público.

2º.- Trasladarlles este acordo aos concellos interesados e Ordenar a publicación deste acordo no Boletín Oficial da Provincia, para xeral coñecemento.

RATIFICACIÓN DA PROVIDENCIA DA PRESIDENCIA DE INCOACIÓN DE EXPEDIENTE PARA A CONCESIÓN DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA DE OURENSE AO ESCRITOR CARLOS CASARES

Acordo:

Ratificar a providencia da Presidencia, do 18 de maio de 2017, pola que se incoa o expediente para o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao insigne escritor ourensán don Carlos Casares Mouriño.

OFICINAS BANCARIAS DE ABANCA

Acordo:

1. Instar a entidade de ABANCA a que colabore na prestación de servizos aos Concellos do rural dotando dos medios materiais que estimen preciso para prestar un servizo eficiente.
2. Que se instalen os medios automáticos ou telemáticos que permitan facer as operacións máis habituais para os usuarios, como retiradas e ingreso en efectivo ou pago de recibos.
3. Poñer a disposición dos cidadáns oficinas móbiles e a súa vez programar accións formativas para que os cidadáns do rural poidan comprender a operativa dos citados medios.

SUPERÁVIT DOS CONCELLOS

Acordo:

1. Que leve a cabo unha revisión do deseño e aplicación da regra de gasto seguindo os criterios e normas aprobados no eido da Unión Europea e tendo en conta criterios de estabilidade orzamentaria e de sostibilidade financeira das administracións públicas.
2. Que constitúa un grupo de traballo con representantes do Ministerio de Facenda e Función Pública, as Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias, no que se realizará unha análise da regra de gasto contida na Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira, para adaptala á regulación comunitaria. O resultado destes traballos será verificado pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, que velará por que sexa consistente coas mellores prácticas a nivel europeo, que sexa compatible co obxectivo de estabilidade orzamentaria e que asegure a neutralidade do ciclo económico sobre a aplicación da regra.

ALTA VELOCIDADE OURENSE-VIGO E OURENSE-LUGO

Acordo:

O Pleno da Deputación de Ourense insta ao Ministerio de Fomento a:
-Axilizar tódolos trámites para a chegada a Ourense da Alta Velocidade Ferroviaria e para a conexión coas cidades de Vigo e Lugo.

SITUACIÓN DO SPU CORREOS

Acordo:

O Pleno da Deputación de Ourense solicita á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, organismo ao que lle corresponde a supervisión e correcto control do funcionamento do mercado postal, que garanta o Servizo Postal Universal e as condicións nas que se realiza o mesmo, en cumprimento da normativa postal vixente.

GARDARRAÍS DE SEGURIDADE PARA OS MOTORISTAS E CICLISTAS

Acordo:

1.- Facer un estudo das estradas provinciais con máis perigo para os motoristas, e en base a ese estudo, colocar gradualmente o SPM (Sistema de Protección de Motoristas) co máximo nivel de protección (Clase 70 con Nivel 1 segundo UNE 135900-2008) e informar mediante paneis e marcas viarias deses puntos.
2.- Colaborar cos concellos na detección dos puntos máis perigos das súas estradas para os motoristas.
3.- Instar á Xunta de Galicia a continuar co programa de colocación deste sistema de protección nas estradas autonómicas.
4.- Instar ao Goberno central a que cumpra a moción aprobada no mes de marzo no Congreso dos Deputados por unanimidade.

MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL

Acordo:

1.- Instarlles ao Ministerio de Cultura e ao Goberno do Estado para que aumenten a dotación consignada nos orzamentos xerais do Estado previstos para este ano 2017, aínda en tramitación, no destinado á protección do patrimonio cultural da provincia de Ourense e, nomeadamente, no que se refire ao Museo Arqueolóxico Provincial. Así como instar ao Goberno para que, en calquera caso, no vindeiro orzamento se consigne a cantidade suficiente para rematar as obras e abrilo ao publico o antes posible.
2.- Instar á Xunta de Galicia, como institución responsable da xestión do Museo Arqueolóxico Provincial, que poña en marcha todas as medidas ao seu alcance para que o proxecto de reforma sexa adxudicado e se concrete unha remodelación que se demora por máis de 15 anos e impide a apertura ao público do museo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar