Feijóo afirma no Congreso local que Lugo «merece devolverlle a fe no seu Concello»

O líder Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres na clausura do Congreso Local da súa formación en Lugo, na que resultou elixido presidente Ramón Carballo. Na súa intervención, Feijóo pediu “lealdade, unidade e traballo en equipo” de todos os afiliados porque entende que a cidade “merece un proxecto que lle devolva a fe no seu Concello”.

O máximo mandatario dos populares galegos destacou que Ramón Carballo “leva moitos anos facendo esa política que de verdade importa: a que lles supón beneficios reais e tanxibles aos veciños”, así como a unanimidade que xerou arredor de si neste proceso de elección interna. “Esa capacidade de tender pontes, crear consensos e levantar concordias fará de Ramón Carballo un excelente presidente do PP de Lugo”, subliñou, para cualificalo como unha persoa “comunicativa, traballadora e que sabe rodearse moi ben”. Do mesmo xeito, Feijóo quíxolle agradecer ao presidente saínte, Jaime Castiñeira, a súa labor durante os últimos sete anos “nos que tivo a Lugo sempre na cabeza e no corazón”.

Así, Feijóo chamou ao partido a “construír xuntos” unha alternativa que sexa quen de aproveitar todas as potencialidades de Lugo para poñelas ao servizo da veciñanza. “Xuntos imos substituír as leas e bloqueos pola política útil, xuntos imos ofrecer solucións aos problemas dos cidadáns”, subliñou, para reivindicar que “un equipo non se conxuga en pasado, senón mirando ao futuro”, e que “o mellor da Historia de Lugo aínda está por chegar”.

LUGO, “LABORATORIO DE IDEAS” DO PSOE

O presidente cualificou o actual goberno da cidade como “precario tripartito”, orixinado pola tendencia que vimos logo das últimas eleccións municipais nas que algúns partidos amosaron que “teñen como obxectivo central non deixar gobernar aos que gañan as eleccións”. E o resultado do executivo que encabezan os socialistas foi “parálise” ata nos aspectos máis básicos da xestión municipal, “desavenencias continuas” entre os supostos socios, así como “moitas broncas, e moitos titulares de prensa, pero lamentablemente poucas medidas útiles para os cidadáns”.

Do mesmo xeito, Feijóo convidou aos galegos a que observen como se comportan os socialistas nos “laboratorios de ideas” nos que gobernan, e puxo como exemplo a propia cidade amurallada. Así, reprochoulles que sempre que teñen ocasión cambian nos despachos aos que gañaron as eleccións, crean alianzas de perdedores para gobernar, apóianse ou apoian a partidos radicais, ou tecen alianzas con aqueles que defenden a situación actual de Venezuela ou aos independentistas cataláns. “Non queren gobernar a favor dos cidadáns, senón en contra do PP”, afondou.

Por iso, o presidente lamentou a situación na que se encontran os socialistas nos últimos tempos, xa que nas vimos como o que foi un partido “que no seu día tivera sentido de Estado, capacidade de Goberno, seriedade e rigor”, se desgarraba en dous. “Un partido que antes era sólido e crible pasou a ser un campo de batalla, con compañeiros enfrontándose en público”, coa correspondente perda de credibilidade ante os cidadáns que iso implica, e a debilidade que agora amosa “ante os cantos de serea do populismo”.

Por iso, o presidente concluíu que “o que toda España observou con perplexidade nas últimas semanas ten que servirnos para aprender en cabeza allea”, e tirar leccións para que os populares sempre sexan unha formación “sólida, cohesionada e crible”, que amose a mellor das súas mensaxes á cidadanía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar