O delito de amar

Unha  nai ten catro fillos… Un deles, o maior, vive na cidade. Só se lembra dela una vez ao ano, o día da Nai, na que a chama e lle manda un galano, caro, pero que lle serve para moi pouco. Pretende quedar ben, non lle importa o que necesita. Di que lle quere moito, coma o que máis, pero que a súa carreira non lle permite atendela.

Outro fillo vive tamén na cidade. Chama a nai cando se lembra dela. Di que non é por nada, pero que, como está ben coidada e asistida, pois que el non se preocupa, aínda que, a querela, ninguén lle gaña.

Outra filla, non vive tan lonxe. Está na vila. Acude visitala nas festas, matanzas e outros xuntoiros familiares, sempre enchentes polo medio, ou cando lle cadra. Di que a ela ninguén lle vai dicir como ten que levarse coa súa nai.

A outra filla, a cuarta, a máis vella, vive coa nai na súa casa. É a que a coida, a que está sempre con ela: o seu sostén, tanto material como emocional.

Os outros tres irmáns teñen zuna. Comentan sen recato que a súa irmá maior se comporta como se só fose nai súa. Que non da entendido que eles teñan outra vida…, e moitas cousas que facer. E que, por encima, non lles fai ningún caso cando lle din como debería coidala e amparala. Que non é “dialogante”, cando lle piden que non a cuide tanto.

Isto, mutatis, mutandis, é o que pasa coa nosa nai, a lingua. É moi pavero ter que escoitar unha e outra vez a acusación de que somos os galegofalantes, os que defendemos a lingua, os causantes de que, cada vez, haxa máis “fillos” que a abandonan.

Cúlpannos de comportarnos coma se fose só nosa. Son sempre os que non a usan, os que non lle fan caso, os que a utilizan de xeito ritual ou na procura dun beneficio: desde políticos a escribidores, desde empresarios a cidadáns acomplexados; desde os que traballan para que o galego desapareza, aos que estarían mellor instalados co noso idioma como lingua morta, xa que así terían resolta a súa contradición.

E nós que deberíamos facer logo? Abandonala… Obrar coma eles… Desatendernos…

O noso delito é amar. A iso uns chámanlle “imposición. Outros “intransixencia”. E aínda hai os que falan de “apropiación”.

Apropiación os que queremos que a fale todo o mundo, cantos máis mellor! Apropiación os que traballamos porque sexa a lingua de todas as persoas que vivan na Galiza!. Apropiación para os que matinamos que debe ser lingua universal! Apropiación politizada os que pedimos que se cumpra e fagan cumprir as leis e que sexan consecuentes as institucións coa súa xénese.

Galegoscalantes, non pensen que son un túzaro. A min, coma os miles de persoas que nos manifestamos todos os 17 de Maio en Compostela, tamén nos gustaría mellor festexar ca reivindicar.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar