Pontevedra:Preocupación dos veciños pola conciliación terrazas e descanso

A reunión coas federacións de asociacións de veciños Castelao, Teucro e Boa Vila pechou hoxe a ronda de contactos con distintos sectores empresariais e sociais impulsada pola concelleira de Promoción da Cidade e responsábel de actividades terciarias, Anabel Gulias, para escoitar as súas demandas cara a acadar o maior consenso posíbel na revisión da ordenanza municipal de veladores. Xusto antes a concelleira reunirase tamén coa Asociación Pedaladas.

Anabel Gulías subliñou o espírito construtivo dos dous encontros, nos que os interlocutores puxeron enriba da mesa a necesidade de conxugar o despregue de terrazas co uso equilibrado e respectuoso do espazo público por parte de todos e todas. Unha formulación que comparte a concelleira de Promoción da Cidade que, dende o primeiro momento, subliñou a necesidade de que as terrazas -un activo importante na dinamización da cidade- non entorpeza a actividade económica doutros sectores e garanta a convivencia coa veciñanza.

Os representantes veciñais amosaron a súa preocupación pola ampliación do horario das terrazas, en especial polas noites e naquelas zonas onde abunda a presenza de locais de hostalería e ocio como pode ser a zona monumental. Pediron que actividade hostaleira non entorpeza o descanso dos veciños. Elo non impediu que recoñeceran a importancia económica e o rol dinamizador da hostalería e amosaran seu apoio ás terrazas, das que tamén gozan.

A xuntanza coas federacións veciñais foi longa – máis de hora e media- e moi positiva, segundo a concelleira Anabel Gulías. Un espírito construtivo que atopou en todos os encontros mantidos até o momento.

Pola súa banda dende Pedaladas fíxose fincapé no feito de que o despregue de veladores garanta a mobilidade e accesibilidade de bicis e peóns.

Rematada a ronda de contactos, redactarase un borrador de ordenanza municipal de veladores que será enviado aos colectivos para a súa avaliación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar