A Feira do Viño de Chantada pon de manifesto o potencial de Galicia como destino enoturistico

 

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu  á 35ª edición da Feira do Viño de Chantada que un ano máis congregou a centos de persoas dispostas a gozar desta festa así como dos viños da Ribeira Sacra.

Coa súa presenza, Nava Castro puxo de manifesto o apoio do Goberno galego a este tipo de celebracións de carácter cultural e local que supoñen un importante reclamo turístico e xeran un gran impacto positivo nas economías da zona. Así mesmo, evidenciou a aposta de Turismo de Galicia pola consolidación da nosa Comunidade como un destino enoturístico de referencia.

A vinculación da enoloxía coa gastronomía, co patrimonio, coa cultura e a tradición que rodean ao mundo do viño fan que o feito de probar novos viños e de visitar os territorios nos que se producen se estea a converter nunha tipoloxía turística con gran potencial e un auxe significativo. Deste xeito, cada vez son mais os turistas que acoden a Galicia a zonas coma a Ribeira Sacra para entender a concepción dos viños.

Por isto, Turismo de Galicia impulsa actuacións como as Rutas dos Viños polas cinco Denominacións de Orixe coas que conta a Comunidade galega, que permiten realizar unha orixinal viaxe en torno á vide e ao viño, ou a aplicación Enoturismo de Galicia, que facilita o acceso aos recursos enolóxicos do noso territorio.

Así mesmo, nesta semana Turismo de Galicia iniciou a campaña Viños e Camelias, unha experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia de Galicia e as bodegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas e que se estenderá durante todo o mes de marzo en Bilbao e durante o mes de abril en San Sebastián.

Xunto á creación de produtos e campañas de promoción, Galicia tamén aposta pola calidade no sector enoturístico. Así, a nosa comunidade é a primeira en certificacións de calidade no sector do turismo industrial por riba de comunidades cunha gran tradición vitivinícola.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto