A Xunta estudará a cesión dun espacio como sede do Ateneo de Ourense

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense non dispón, na actualidade, de ningún local para ofrecerllo ao Ateneo da cidade das Burgas como sede. En calquera caso, ofrécese a estudar a posibilidade a medio prazo de cederlle un espazo como sede espazo. Así llo transmitiu a máxima representante do Goberno galego en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, aos membros da directiva desta asociación cultural e da recén creada plataforma na súa defensa, na xuntanza que esta tarde mantivo con eles no seu despacho.

A Xunta de Galicia apoia o labor e as actividades desenvoltas por esta entidade ao longo dos seus 48 anos de existencia, ao igual que o fai con outras moitas asociacións que contribúen a dinamizar a vida cultural da cidade e da provincia. Sen embargo, non pode colaborar con ela nos termos que, tanto a directiva en funcións como a plataforma, solicitan canto á cesión de dependencias da Biblioteca Pública.

Actualmente a Xunta en Ourense está a levar a cabo unha reordenación dos espazos e trata de aforrar na factura de alugueres de locais rescindindo contratos. O espazo que quede baleiro no inmoble da rúa Concejo, despois de que a Biblioteca se traslade a San Francisco, se empregará para reubicar outros servizos dependentes da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria. Unha vez finalizada a reorganización administrativa, a Delegación territorial non terá inconveniente de avaliar a posible cesión de uso dalgunha dependencia que quede dispoñible.

Non ten dependencia da Xunta

Díaz Mouteira lembrou que os estatutos do Ateneo non recollen unha dependencia co ningún organismo da Comunidade Autónoma. Limítanse, indicou, a recoñecer unha función representativa como vicepresidente segundo á persoa que ocupe o cargo de delegado da Xunta en Ourense. “Non estamos a incumprir ningunha obriga estatutaria como nos últimos días transmitiron á sociedade algúns representantes desta asociación”, afirmou a delegada territorial.

Marisol Díaz asegurou que dende a Delegación Territorial faranse todas as xestións necesarias para lograr unha solución á situación que está a vivir o Ateneo de Ourense, en colaboración co resto de administracións públicas, co fin de que unha institución tan senlleira non esmoreza.

De tódolos xeitos, a delegada territorial amosouse partidaria de que a directiva conxuntamente coa plataforma organice unha campaña de captación de socios que coas súas achegas económicas garantan o futuro do Ateneo ourensán. “As sociedades, clubes ou entidades sociais, culturais ou deportivas deben existir grazas ás cotas dos seus socios, sen ter que depender exclusivamente das axudas das administracións”, dixo Díaz Mouteira.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar