Día Mundial da Auga en Ourense

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acolleu esta mañá unha xornada organizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dedicada a conmemorar o «Día Mundial da Auga». O obxectivo é concienciar á sociedade, desde os pequenos, da importancia da auga para a vida. «Todos temos a obriga de conservala, defendela e facer un bo uso dela», expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na inauguración da xornada, afirmando que unha gota de auga «é flexible, poderosa e máis necesaria que nunca».

O acto, protagonizado polos máis dun centenar de nenos do CEIP O Couto, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; do presidente da CHMS, Francisco Marín; da concelleira do Concello de Ourense, Ana Morenza; da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e do subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

Manuel Baltar destacou na apertura da xornada que Ourense celebra o «Día da Auga» «como provincia da auga e provincia termal», e destacou a importancia deste recurso «que conforma boa parte do noso organismo e que resulta vital». Por elo, o presidente da Deputación de Ourense dixo que a celebración desta xornada é «unha boa ocasión para lembrar a importancia da auga, sobre todo, concienciando aos máis novos da importancia de coidar os nosos recursos naturais, dos cales o máis importante é a auga».

«Desde a Deputación lembramos a importancia da auga todos os días, apoiando co noso labor aos concellos na xestión do ciclo da auga completo, e apostando por un eixe estratéxico e de desenvolvemento provincial como é o termalismo, que nos converte nun dos territorios con maior potencial termal de Europa», expresou o presidente do goberno provincial.

Santiago Villanueva destacou que é fundamental «a concienciación social para o bo uso do recurso e a importancia de contribuír con pequenos xestos diarios no respecto e mellora do medio ambiente».

Pola súa parte, o presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, precisou que o obxectivo da CHMS «é incidir na concienciación dos máis pequenos en que a auga é un recurso limitado e o seu uso con responsabilidade redundará en beneficio de todos. As Institucións estamos obrigadas a fomentar os valores de respecto e racionalidade do recurso desde a escola, só así formaremos unha sociedade de futuro que fomente a importancia e necesidade de coidar os nosos canles fluviais», concluíu.

 

 

IMPLICACIÓN DOS CATIVOS

 

Os escolares do CEIP O Couto participaron nas distintas actividades convocadas ao longo do mes de marzo, a través dos «Talleres da Auga», impartidos por técnicos do organismo de conca e expertos medioambientais, consistentes en charlas participativas, visita a unha estación de control situada na marxe esquerda do Miño, e actividades de recoñecemento do río Lonia, onde puideron recoller mostras de macro-invertebrados, flora e fauna, para a súa identificación, ademais de realizar unha análise de auga «in situ».

Por outra parte, un grupo de 20 nenos de 3º e 6º de primaria participaron nunha xornada de debate na televisión local, co presidente da CHMS; o vicerreitor da Universidade de Vigo e un biólogo, que, entre outros temas tiveron que responder acerca do ciclo da auga, a depuración, a potabilización, etc.

Como complemento a estas actividades, hoxe os máis pequenos recibiron a visita, no colexio, dos seus personaxes preferidos «Os Bolechas»; con eles visualizaron a guía «Os Bolechas coidan a Auga», a través da que se pretende mellorar os hábitos de uso do recurso. Tamén participaron en varios obradoiros de confección de chapas, debuxos e maquillaxe.

Os alumnos de 5º e 6º de primaria participaron, ademais, nun concurso de debuxo e redacción baixo o título «Olladas cara o Miño», a través do cal mostraron a súa creatividade e destreza coas súas creacións. Durante o acto procedeuse á entrega de premios aos mellores traballos e un premio especial para o colexio pola súa colaboración no conxunto de actividades conmemorativas do «Día Mundial da Auga» 2017. O primeiro premio foi para Miguel Díaz Álvarez, o segundo para Nuria Otero González e o terceiro foi para María González Coello.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar