A Deputación de Ourense, primeira institución en implantar a transparencia

A Deputación de Ourense será a primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de «Auditoría Social da Transparencia», un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. Esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra -a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións-, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou trala reunión mantida no Pazo Provincial con Juan Manuel Roa, presidente da Asociación Transparencia Pública, que o goberno provincial implantará este sistema, «que supón un paso moi importante na estratexia de goberno aberto e boas prácticas na gobernanza que está a desenvolver a Deputación de Ourense, e que se materializará con esta ferramenta innovadora e pioneira para afondar no noso compromiso como goberno referente en transparencia e participación cidadá».

 

PRIMEIRA PROVINCIA

 

Só dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, que consolida o concepto de auditoría social e transparencia. «Trátase dunha ferramenta aberta a toda a cidadanía e sumamente participativa, que supón unha innovación, xa que ningunha entidade pública en España conta con este sistema para avaliar a transparencia», afirma Manuel Baltar, quen remarca, segundo confirmou o propio presidente de Transparencia Pública, que Ourense «convértese na primeira provincia no ámbito mundial que vai contar con este instrumento, que medirá e avaliará a transparencia das institucións públicas da provincia de Ourense, unha iniciativa que se enmarca na estratexia de «Provincia Intelixente», de participación cidadá e de goberno aberto, que forma parte da estrutura orgánica desta deputación».

Esta tecnoloxía desenvolvida por Dyntra conta co aval de ser a primeira plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións. É pioneira en España e está a ser utilizada para medir a transparencia no Estado de Nova York de 2.280 entidades gubernamentais. Ademais, está homologada pola Organización Internacional Open Government Partnership, formando parte do OGP Toolbox como a primeira ferramenta de ámbito mundial que consolida o concepto de auditoría social e a transparencia participativa.

 

MODELO «INNOVADOR»

 

Desta maneira, Manuel Baltar aposta por un modelo de transparencia innovador, avanzado e que incorpora aos cidadáns e aos actores sociais como principais protagonistas das políticas públicas, reforzando así seu compromiso coa filosofía de «goberno aberto». «A transparencia é o vehículo cara unha deputación máis aberta, un modelo máis participativo e unha maior integración de institucións, sociedade civil e cidadáns nas cuestións fundamentais que nos afectan a todos e nos procesos de toma de decisións».

A Deputación de Ourense, que ocupa o 5ª posto no Ranking nacional, que avalía a 38 deputacións provinciais, aspira a liderar os procesos de transformación e apertura que se están producindo hoxe en día nas administracións públicas españolas coa chegada das tecnoloxías sociais, sendo a implantación desta ferramenta de avaliación dinámica da transparencia pública un paso máis sobre o que asentar a relación do goberno provincial cos cidadáns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar