‘His Majesty Sagbutts and Cornetts’ abren a décima edición do Pórtico do Paraíso

O Festival de Música Internacional Pórtico do Paraíso comeza a súa décima edición cun concerto na Catedral de Ourense, mañá venres 3 de marzo ás 21:00 horas, con entrada de balde. Os convidados a abrir esta nova andadura do ciclo musical son os británicos His Majesty Sagbutts and Cornetts, un experto conxunto con 35 anos de historia que contemplan actuacións no festival de Salzburgo, a igrexa de San Marcos en Venecia, a Opera House de Sydney ou o Royal Albert Hall de Londres. Constituído por tres cornetos, tres sacabuxas e un órgano de cámara ou un clavecín, acoden a Ourense acompañados do tenor Nicholas Mulroy e do barítono Ben Davies.

Será o primeiro dos sete concertos que se celebrarán en Ourense e provincia, e que pretenden conxugar música de calidade con espazos únicos e tesouros do noso patrimonio. Unha décima edición, Ademais, na que haberá reencontros con grupos que pasaron pola cidade ao longo desta última década, caso dos The Orlando Consort, que abriron a primeira edición, ou o sitar de Johnatan Mayer.

Logo dos británicos, o Pórtico trasladarase á igrexa de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía, onde actuará o cuarteto de voces masculinos The Gentleman Singers, da República Checa (sábado ás 19:30 horas), e volverá á cidade o domingo 5 ás 19:00 horas, cando o Haroni Duo (Hungría / Palestina) acompañará a proxección do The Kid de Charles Chaplin cun concerto de violín e piano no Teatro Principal.

Consulta o programa completo do Pórtico do Paraíso no seu espazo web.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar