Fermín, a bondade


O metre morreu. Dende as aulas da Complutense, decontado e despois de cumprir, foise para a diestra doutros dos grandes da intelectualidade, fabriqueiros da Galicia que queremos libre, sa e salva. Alí está Fermín Bouza Álvarez observando e aplaudindo aos seus amigos da revista Luzes, que o homenaxearon, en Santiago, con falares alongados e resoantes en tódalas esquinas do país e en cada unha das estrelas do ceo, con música ben sonora e ben sentida, coa entrevista de Suso Iglesias gravada en 2014 e con moitos ferministas dando creto de quen era o mestre morto, un morto inconformista, en palabras de Manolo Rivas.

O teatro estaba ateigado de amigos e familiares do sociólogo prezado e respectado polos académicos, polas clases máis populares, polos estudantes, polos intelectuais e por moitos que non puidemos asistir. Que mágoa! Era mestre cando morreu, a finais de outubro de 2016, e as súas leccións seguen sendo de importancia e de actualidade, como as de mediados da década dos setenta (do século pasado) naquel Madrid do espertar de moitos galegos que buscaban vida e saber nas aulas universitarias e nas rúas da capital.

Santiago de Compostela, para Fermín Bouza era o “seu refuxio cultural”, no que se acubillaba cando podía e cando quería e onde se gardan recordos da súa infancia e mocidade. O propio alcalde, Noriega Sánchez, lembrou que o homenaxeado exerceu sempre de bo compostelán e destacou o seu compromiso coa Cidade, igual que fixeron outros dos participantes na homenaxe, dende a tribuna e nos corredores do Teatro Principal. Si, señor!, como exclamaría con toda normalidade o tamén noso Ánxel Fole.

Os directores de Luzes, Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro, paraugas en man, presentaron o acto, no que tamén interviñeron os Antóns, Baamonde, Losada e Patiño; Xose Manuel Beiras Torrado, Amada Traba Díaz, Ana Acuña Trabazo, Dores Tembrás Campos e a viúva do homenaxeado, Carmen Pena López. Fermín Bouza Pena, Eladio dos Santos, Luís Emilio Batallán e Miro Casabella puxeron as emocionadas notas musicais, nunha homenaxe merecida, necesaria e conveniente para que Fermín Bouza Álvarez lembre para sempre que goza do respecto e da estima dos galegos. A Tía Manuela ben o dicía, “a bondade é un imán para a xente de lei”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto