Campolongo, novo parque referente de Pontevedra

O Concello xa dispón dos anteproxectos dos novos parques infantís de Campolongo e Médico Ballina. Serían dúas actuacións que pretenden mellorar as dotacións para rapaces no bordo da cidade, como é o caso de Médico Ballina, e crear un terceiro gran parque na cidade -xunto a Barcelos e as Palmeiras- no barrio de Campolongo.

A Comisión de Mobilidade coñeceu hoxe os dous anteproxectos que presentou o presidente da comisión, Luís Bará, quen tamén anunciou que se reunirá cos veciños de ambos barrios para presentar estas propostas e incorporar as suxestións que fosen precisas.

O propósito do Goberno Local é facer de Campolongo un referente infantil como xa o son Barcelos ou as Palmeiras, por iso propón a creación dun gran parque de 1.700 metros cadrados para satisfacer unha demanda moi elevada de rapaces que empregan o parque da Constitución para xogar. Especialmente, tendo en conta que nos arredores non existe un parque ben dotado, os que hai son pequenos e pensados para cativos.

Logo de estudar distintas situacións, o Concello optou por instalar esta nova área infantil na arboreda onde estaban os xogos para adultos, que se retiraron recentemente porque estaban sendo empregados por nenos, e xa se tiña rexistrado algún incidente.

Esta área estaría dividida en tres zonas: unha para nenos menores de 6 anos; outra de estar con bancos, mesas e papeleiras, pensada para os acompañantes; e unha terceira para nenos de máis de seis anos, cunha estrutura que resulte atractiva e emblemática para o parque.

O custe rondaría os 300.000 euros e o propósito do Goberno é que poida estar licitada ao longo deste ano. O concelleiro Luís Bará manterá contactos cos veciños para presentarlles o proxecto e que poidan facer as achegas que consideren oportunas.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto