Eu defendo aos xuíces

“A lei está pensada para o roubagaliñas e non para o grande defraudador”. Non o digo eu. Afírmao Carlos Lesmes, presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial. Por iso non me alporizo, nin me enfurruño, nin me escandalizo…, cando vexo sentenzas como as de Cristina de Borbón, Iñaki Urdargarin, ou como as de Rodrigo Rato ou Miguel Blesa. E cando, contra o balbordo popular, non entran sequera en prisión.

A culpa non é dos xuíces, que tamén, pois como dixo Santiago Muñoz Machado, enchen os escritos de “continuas referencias á constitución e moi poucas veces aplican as categorías constitucionais”.

Os verdadeiros culpábeis son os lexisladores. O Goberno de Mariano Raxoi que coa Lei Mordaza, e outras polo estilo, restrinxen, pouco a pouco, as nosas liberdades de opinión e manifestación, mentres a súa lexislación ampara a defraudadores e corruptos. Pero tamén o Goberno de Felipe González, que foi quen de promulgar nos anos oitenta a chamada Lei da Defensa da Constitución ou a Lei Antiterrorista, que, só parcialmente, foron derogadas polo Tribunal Constitucional.

PP e PSOE, cerne Lexislativo e Executivo do actual Estado español, aproveitaron acotío a loita antiterrorista para facer do nós súbditos na vez de cidadáns, entre o aplauso case xeral dos medios de comunicación e da maioría dos electores españois.

PP e PSOE, que converteron a Xustiza e os seus tribunais nunha permanente componenda para pór o Poder Xudicial ao servizo dun Estado que non só pactaron senón que decidiron monopolizar decretando que é o único verdadeiro e posíbel. E tamén para asegurarse leiras de poder e impunidade.

Un PP e PSOE, e os seus lexisladores, aos que non lles interesou reformar un Código Penal que non contempla como “alarma social” que uns defraudadores como Urdargarin ou Rato estean na rúa agardando a sentenza definitiva, pero si ve un perigo alarmante que quede libre un roubagaliñas. Dous terzos da poboación reclusa está agardando a sentenza definitiva!

Pero o Estado non só necesita leis que o defendan e o perpetúen, senón tamén fiscais e xuíces á súa verdadeira medida. Porque o Estado é o produto dunhas clases dirixentes e os tres poderes dos que falan forman parte consubstancial e indisolúbel dese Estado.

Por iso non lle boten todas as culpas aos xuíces e fiscais. Contra eles podemos facer moi pouco. Dirixan a súa carraxe contra os lexisladores e, sobre todo, lémbrense cando vaian votar. Coa súa papeleta poden rematar, en parte, con estas “inxustizas” e reformar o Estado. Se é que queren.

Pero teñan en conta que non vai ser fácil. Non se vai deixar. O poder non se cede, conquístase.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar