Amplíase a dotación do premio “Abrente” da Mostra de Teatro de Ribadavia


O Premio Abrente para Textos teatrais chega á súa 12ª convocatoria con novidades importantes, ampliando a súa dotación a 3.500€ e estipulando nun dos puntos das súas bases que se trata a partir de agora dun premio “único e indivisible”.

A ampliación da dotación económica supón reaxustar o orzamento do festival, pero é unha clara aposta pola dramaturxia galega e polo fomento da actividade de dramaturgas e dramaturgos, un dos valores esenciais do teatro galego actual.

Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita en lingua galega.

A organización reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e igualmente a MIT poderá promover a produción ou coproducións para a escenificación da peza premiada.

O prazo de admisión de orixinais remata o día 23 de xuño de 2017 e a decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2017, no contexto da XXXIII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Toda a información en: www.mitribadavia.com/premios

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar