Cuenca busca en Ourense un referente de promoción turística

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañou ao seu homólogo de Cuenca, Benjamín Prieto, na súa visita á provincia de Ourense, viaxe que realizou o presidente conquense con membros do seu equipo para coñecer o modelo de promoción turística levado a cabo polo Inorde coa recuperación de antigas estacións de ferrocarril, convertidas hoxe en museos, albergues e centros de ocio e cultura. En concreto, Baltar e Prieto percorreron as instalacións da estación de Santa Cruz de Arrabaldo, que acolle os museos do Traxe tradicional galego, e o da Fundación Estanislao Reverter, dedicado a esta emblemática figura do automobilismo ourensán.

Manuel Baltar agradeceu o interese de Cuenca, “que estuda levar a cabo no seu territorio un proxecto como este, que pon en valor o tren, o rural e as tradicións”, e destacou o éxito que na provincia de Ourense están a ter iniciativas que relacionan o ferrocarril e o turismo, como os “trens termais”, para promocionar o termalismo, ou os trenes da ruta do viño, que teñen unha ocupación do 100 %.

O presidente da Deputación de Cuenca, quen gabou o espírito de materialización do proxecto “Estacións Vivas”, tamén percorreu, acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, a Ribeira Sacra, a estación dos Peares -onde visitou a Aula do Ferrocarril-, e a estación de Baños de Molgas, que alberga o museo “Moncho Borrajo” e cuxas instalacións tamén acollen un albergue que ten desenvolvido campamentos temáticos de inmersión na lingua inglesa e actividades de ocio e formativas en creatividade audiovisual.

Manuel Baltar explicoulle a Benjamín Prieto que un dos valores do turismo da provincia de Ourense “é a súa singularidade, tanto pola súa riqueza natural e histórico-patrimonial como etnográfica”, e puxo como exemplo o termalismo, “ámbito no que o territorio ourensán é un referente en Europa en balnearios e en calidade das súas augas minero-medicinais.

“Potenciar a marca dun territorio –destacou Manuel Baltar- require que a promoción se sustente en algo tan sólido como a especialidade, a tradición e a satisfacción do visitante”. Trátase de ofrecer “instalacións pero tamén sensacións”, explica o presidente, “e a provincia de Ourense reúne características que a fan única como destino turístico, algo que estamos a promover en foros nacionais e internacionais porque unha das nosas maiores riquezas son os séculos de experiencia que temos”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar