O Concello de Santiago aproba os Presupostos co apoio do BNG e a abstención do PSOE

O Pleno da Corporación aprobou este sábado os orzamentos do Concello de Santiago para o exercicio 2017. A proposta presentada polo Goberno local foi apoiada polo BNG, coa abstención do PSOE e o voto negativo do Partido Popular.

Os orzamentos deste 2017 son o resultado dunha que puxo en marcha o Goberno no pasado mes de outubro e que tivo como resultado un documento que incorpora numerosas achegas de todos os grupos, en particular do BNG e do PSOE, así como mocións aprobadas no pleno.

As contas, tal e como explicou a concelleira, ascenden a máis de 106 millóns de euros de forma consolidada e “son expansivas, participativas e cun marcado carácter ecosocial”. No documento orzamentario “consolídanse as dúas grandes apostas do vixente exercicio: as políticas sociais e o mantemento e reequilibrio territorial, ao mesmo tempo que se suman outros dous eixos: a Compostela verde e a Compostela cultural”.

Políticas sociais
En políticas sociais, mantense a liña establecida no orzamento do 2016 e a dotación orzamentaria para a ordenanza de renda básica Compostela + para continuar construíndo a Compostela social a medio e longo prazo. Increméntase o orzamento para o servizo de axuda no fogar nun 14%, prevendo novas exencións para persoas con menor renda, así como unha mellora nas prestacións do servizo.

Incorpórase tamén unha partida para reformas e adquisición de mobiliario para catro pisos en Fontiñas, de propiedade municipal, para continuar co Programa de Atención ás Persoas sen Teito, programas de emerxencia social e Housing First.

Tamén se continúa co gran contrato de mantemento por valor de 1,2 millóns de euros, porque “querer é manter”. Seguirase pois investindo en manter a rede viaria do noso concello para suplir o déficit do último mandato.

Equilibrio territorial
Segundo explicou a concelleira, o Goberno local quere seguir avanzando na redución da fenda existente entre a Compostela urbana e a rural. Por iso incorporáronse novos investimentos, como un vehículo rozador de 120.000 euros, sinalización no rural por 20.107 euros, paneis informativos unificados para o rural por valor de 72.000 euros e pavimentación do campo da festa de Marrozos (todas elas accións resultado do proceso de Orzamentos Participativos).

A maiores, incorpóranse investimentos que resultaron moi votados nese proceso de OP, pero que por cuestións orzamentarias quedaron fóra. Tal é o caso da ampliación da ponte en Laraño e de obras de abastecemento en Figueiras por valor de 140.000 euros.

Entre outros investimentos do rural destacan: a ampliación da ponte na Cañoteira e Outeiro de Marrozos, por valor de 212.000 euros; a obra de mellora do firme no cruce Chorente de Nemenzo a Busto, por 180.000 euros; a obra de abastecemento e saneamento nas parroquias de Figueiras, Aríns e Villestro, por 180.000 euros; e a ampliación e mellora de espazos públicos no campo da festa do Eixo, cun custo de 140.000 euros.

Compostela cultural
O Goberno municipal aposta por unha Compostela cultural. Por iso, no borrador incorpórase o orzamento de Cultura máis elevado dos últimos cinco anos, cun incremento global do 14%. Prodúcese un incremento na achega que fai o Concello ao Auditorio en 175.000 euros, o que supón un incremento dun 16% para suplir a redución doutras entidades sen minguar a oferta cultural do Auditorio.

O Executivo local cumpre coa súa promesa de reducir paulatinamente as subvencións nominativas e faino nun 36% para este exercicio, ao mesmo tempo que se incorpora unha liña de subvencións por concorrencia competitiva para desenvolver actividades culturais.

articipativos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar