Ourense: Estudos sobre o municipalismo en España

A Deputación de Ourense e o Grupo de Investigación Governance and Economics research Network (GEN) lideran os estudos sobre municipalismo en España. Así se puxo de manifesto no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa sinatura do convenio de colaboración entre a institución provincial e este grupo académico, a cargo do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o profesor Santiago Lago, director do Grupo GEN, unha alianza que, segundo destacou o presidente Baltar, “permitirá poñer en marcha un “Observatorio Municipal” de ámbito nacional para que os cidadáns poidan coñecer en tempo real a información referida a orzamentos, transparencia e xestión pública”. O acordo tamén contempla a realización de informes sobre municipalismo, elaborados de maneira didáctica e dirixidos á cidadanía, e a organización do primeiro Congreso nacional do ámbito local, que se celebrará en Ourense no mes de xuño.
Manuel Baltar dixo que esta alianza institucional e académica, “con vocación de permanencia”, “permitiranos afondar na realidade do municipalismo, como xa vimos facendo desde a Deputación de Ourense impulsando estudos sobre a realidade local e coa participación en ámbitos nos que xa estamos presentes: a FEMP, a Fundación Democracia e Goberno Local ou Partenalia”.
O convenio hoxe asinado relaciona á Deputación de Ourense coa Red Localis, “unha importante plataforma de análise e estudo da realidade local galega e española que naceu en 2015 e na que participan profesores das tres universidades de Galicia e outras do resto de España, así como técnicos da administración local”, explicou Santiago Lago. Red Localis é un vector estratéxico do grupo de investigación GEN, que ten a súa sé no Campus de Ourense. “Con este convenio Red Localis e GEN dan un importante paso adiante e fan que Ourense, da man da súa Deputación, sexa un referente na análise da realidade dos gobernos locais”, afirmou Santiago Lago, destacando o apoio da Deputación de Ourense “como matriz deste espazo de transferencia e investigación, unha colaboración que se plasma neste convenio que nos permite dar o salto e ser unha referencia no eido local”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar