Vázquez Queipo

 Moi ben. O Consello Galego de Enxeñarías (CGES), integrado polos colexios profesionais de enxeñarías reguladas, proponlle á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que homenaxee a Vicente Vázquez Queipo, como científico galego de 2017. Honraralles a iniciativa, tanto como honrará á ciencia o nomeamento deste ilustre samoense, científico destacado en leis, en física, matemáticas, filosofía e química, con múltiples tarefas de relevancia ao longo da súa vida e con encomendas cumpridas eficientemente, no país e no estranxeiro, fundamentalmente en Francia, onde realizou etapas de formación, traballou como docente e se forxou como xestor no eido da innovación industrial, e en Cuba, onde pasou dous anos da súa vida.

Este home de triplo nome e de apelidos longos e sonoros, Vicente María Julián Vázquez Queipo de Llano, naceu en Samos, na aldea de Lusío. Foi estudar a Monforte de Lemos e a Valladolid, onde aos vinte e dous gaña, por oposición, a cátedra de Física Experimental e Química da Universidade vallisoletana e, a partir desa, as súas carreiras paralelas, na ciencia e na política, foron sempre destacadas e brillantes.

Ampliou a súa formación na Escola Central de Artes e Manufacturas de París, onde contactou con científicos da época e, en 1932, volve a Madrid para recoller o encargo de viaxar novamente por Europa, estudar os sistemas educativos de distintos países e, despois, participar na redacción do plan de instrución pública de 1836. Dedicouse á política, axudou á súa familia a fortalecer a industria siderúrxica que tiñan en Samos, estivo en Cuba, foi presidente da Comisión do Mapa Xeolóxico, creada en 1849 por Real Decreto de Isabel II, foi membro da Real Academia de la Historia e morre sete anos antes de rematar o século co que comeza.

Foi autor de “Tablas de los logaritmos vulgares de los números desde 1 hasta 20.000 y de las líneas trigonométricas”, un libro de texto obrigatorio nas clases de matemáticas avanzadas durante moitos anos. Foi recoñecido e valorado no seu tempo e agora, para ben de todos, a RAGC, que preside Miguel Ángel Ríos, coa sensibilidade dos seus académicos, ten a oportunidade de sacalo do esquecemento. Se é así, parabéns e moitas grazas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar