Deputación de Ourense e ABANCA renovan o seu plan de crédito a Pemes e familias

A Deputación de Ourense e ABANCA renovaron hoxe o Plan Activamos-Transforma Ourense, a súa proposta de financiamento para a provincia. Esta iniciativa lanzada de maneira conxunta polas dúas institucións cumpre dous anos e mantén a intensidade para seguir achegando crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa; e o director territorial do banco en Ourense, Rubén Saavedra, expuxeron ante unha vintena de destacados empresarios da provincia as principais liñas do plan e as novidades que incorpora este ano. A continuación, Manuel Baltar e Santiago Novoa rubricaron o novo convenio de colaboración que reforza a alianza estratéxica entre ambas as dúas entidades a favor do progreso socioeconómico de Ourense.

 

FAMILIAS E EMPRESAS

 

Ademais da redución de prezos, as liñas de financiamento contan con outras condiciones moi vantaxosas: tipos de xuros sen bandas de flutuación, cero comisións de estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización e posibilidade de carencia en aquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

Durante a presentación do plan, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Manuel Baltar destacou que este convenio “pon a disposición da provincia, das súas familias, autónomos e corporacións locais, unha importante suma económica que vai contribuír a dinamizar o noso territorio e os proxectos das persoas que vivimos nel, tal e como fixo nas anualidades anteriores”, indicou o presidente da Deputación.

Baltar expresou que o acordo “é froito da colaboración que vimos mantendo cunha institución bancaria, que xurdiu na súa orixe nesta Deputación, cando se decidiu a creación da Caixa de Aforros Provincial de Ourense”, e remarcou que con ABANCA “mantemos unha alianza permanente. Hai días tamén renovamos o convenio para a tramitación das axudas á natalidade, a tarxeta “ChegOU”, e temos en mente outros proxectos de futuro que, sen dúbida, seguirán relacionando directamente a ABANCA co territorio que defendemos, Ourense, un territorio que ten uns intereses provinciais, e o goberno da provincia está para defendelos, propoñelos e estar presente en todo aquilo que signifique futuro para a provincia”.

O presidente provincia afirmou que esta “é unha forma de facer provincia e de visualizar esa alianza cunha entidade bancaria nosa, nada en Ourense, nada en Galicia, e que repercutirá, como o fixeron os convenios anteriores, con case 60 millóns de euros nas outras anualidades, para activar o tecido económico e a nosa economía”.

Pola súa parte, Santiago Novoa resaltou o alcance que este programa de apoio financeiro ten no tecido económico e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está prestando a Deputación de Ourense. O directivo de ABANCA sinalou que o Plan Activamos-Transforma Ourense “é para nós unha relación de compromiso estable coa provincia. Non era un plan dun só ano, senón unha proposta de crédito tanxible, de continuidade e sustentable no tempo, para poñer en marcha os proxectos das empresas e familias de Ourense” “Estes dous anos foron exemplo de inclusión financeira, de apoio ao emprendemento e de sensibilidade coa nosa xente”, engadiu Novoa.

O Plan Activamos-Transforma Ourense financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cubre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, e adquisición de vehículos eficientes. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e necesidades de tesouraría, sen esquecer que teñen á súa disposición tamén avais e liñas de confirming con tarifas especiais.

 

BALANCE DO PLAN

O balance do Plan Activamos-Transforma Ourense desde a súa creación é positivo e permitiu a formalización de 1.761 operacións de crédito na provincia, cun importe global de 54,1 millóns de euros. Pemes, micropemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios do programa, ao concentrar o 95,3% das operacións e o 92,6% do financiamento concedido na provincia. En cifras totais, o Plan Activamos-Transforma Ourense apoiou con crédito a 1.678 pequenas empresas e autónomos, que recibiron no seu conxunto 50,1 millóns de euros.

“O compromiso de ABANCA con Ourense é total e o Plan Activamos é unha mostra máis. Os máis de 54 millóns que este programa achegou á provincia permitiron a posta en marcha de novos proxectos empresariais e o crecemento doutros: estamos contribuíndo a formar un tecido produtivo máis competitivo que garanta o noso futuro”, explicou Rubén Saavedra. O plan tamén favoreceu, a través do financiamento, a posta en marcha de 177 proxectos de emprendedores e facilitou a 639 empresas da provincia o desenvolvemento de novos investimentos. O importe medio do financiamento a pemes e autónomos foi de 29.857 euros.

As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de cerca de 700.000 euros en crédito na provincia. As familias ourensás aproveitaron as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de 11.475 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar