As Sete Marabillas do Mundo… e mil e unha máis

 

Aos destrutivos fenómenos xeolóxicos, climatolóxicos, sumamos o espírito depredador humano que supera todo. Como proba a impiedade, as matanzas de seres semellantes, seguida da devastación do herdo cultural. Lembramos aos colosos hindús de Bamiyan, no Afganistán, aleivosamente dinamitados polos talibáns, a devastación de vestixios bíblicos no Iraque, a dePalmira, Alepo, Hama ou Damasco en Siria… A queima de bibliotecas, como a aínda recente de Sarajevo… Nada se ten adiantado dende a Prehistoria, a non ser que das armas de pedra e de metais pasouse a outras máis sofisticadas e contundentes. Compre facer memoria, Historia.

Cada época, cada pobo, cada persoa presume dos “seus” tesouros, das súas marabillas. Na Antigüidade descoñecíase ese concepto que tanto incita e divide o noso competitivo tempo, o do “récord”. Aínda así falábase das Sete Marabillas do Mundo antigo, e hoxe facémolo das Sete Marabillas da contemporaneidade… e por que sete e non dez ou unha ducia delas…? Son manías instaladas, como hoxe a do top ten, os dez mellores. E veña a facer e espallar listados de comenencia e polo medio a carraxedos que non teñen incluído os seus orgullos.

O investigador Filón de Bizancio, que viviu no cambio de era, é o afortunado autor do listado das Sete marabillas do mundo antigo. Sete gloriosas e míticas construcións, feitas en sitios, tempos e en diferentes estilos: os Xardíns colgantes de Babilonia, a gran Pirámide de Guiza, o Coloso de Rodas, a escultura de Zeus do templo de Olimpia, o Faro de Alexandría, o Mausoleo de Helicarnaso, o Templo de Artemisa en Éfeso. Obras titánicas, sobresaíntes fantasías, caprichos de ditadores, de tiranos, megalómanos xerarcas, inspiradas por aluados artistas, aos que a Historia lembrou. Mais, ao cabo do tempo, esquécese e pouco importa o dispendio, o suor e o sangue vertido nestas obras por obreiros escravos.

Outros non dubidaron en sumar unha oitava marabilla, e coincidimos en que debera ser o túmulo de Antioco I no Nenru Dagi, esculcando a cordilleira do Taurus na actual Turquía, o que, pola súa oculta situación entre Oriente e Occidente, era descoñecido e non mencionado polos viaxeiros clásicos. Moitas veces chegan antes ao pasado os turistas que os arqueólogos.

De aquelas Marabillas soamente quedan anacos dispersos polos museos, a non ser a gran pirámide exipcia de Guizá, a que, solemne, sigue ergueita sobre o tempo.

O mito da Torre de Babel foi sempre un reto non superado, que se multiplica en competitivas sky lines de rañaceos, camiño de acadar o quilómetro de altura, moitos deles construídos en planicies areosas dos desertos ou recheos no mar, con paramentos cubertos con tecnoloxía audiovisual, arrodeados de xogos acuáticos pra atraer e impresionar. Como ambicionando ridiculizar ás clásicas sete marabillas, en altura e en bixutería… Competencia propia do Libro Guinness, con listados de monumentos espectaculares, cifrados máis en metros cúbicos, arroupados coa propaganda de novos “produtos turísticos”, como o rañaceos Burj Khalifa de Dubái, a Torre de Shanghái… Torres de ego e de poder real .

Que quedará e como de todo isto ao cabo de dous séculos… fronte aos case cinco mil anos de existencia da pirámide de Guiza, a primeira e máis antiga das marabillas do mundo antigo? Todo está condenado a transmutarse en po cósmico.

E velaí no Perú, como ónfalos do mundo inca, a cidade de MacchuPichu… os enigmáticos xeoglifos de Nazca, os ahú de moais da solitaria illa de Pascua… no Yucatán o recinto cerimonial maya de Chichen Itzá; os templos hinduístas de Angkor wat en Cambodia, ou na India os de Khajuraho cubertos de representacións eróticas… a restra dos oito mil guerreiros de terracota descolorida de Sián, parte dun complexo tumular aínda por examinar.

E sigamos repasando imaxes con poesía: o Taj Mahal de Agra, “como bágoa de amor caída na meixela do tempo…”, que dixo Tagore; a Gran Muralla China, os megalitos de Stonnege na chairas de Salisbury en Inglaterra, os aliñamentos de Carnac e o túmulo de Gravinís na bretona baía de Morbihan; os de Carahunge en Armenia, os da illa maltesa de Gozo, os de Menga en Almería… as nuragas sardas… os eremitorios celtas cristiáns irlandeses, os da enigmáticailla de Skellig Michael, emparentados con Galiza.

O enmarque histórico, mítico e mesmo paisaxístico, axuda moito na sedución, sumando a poesía que se lle poña e a propaganda que os mete polos ollos pra identificar cidades e países. Velaí esa arquitectónica aperta á cristiandade do Vaticano, Santa Sofía de Estambul, a gran Mezquita de Damasco, o Coliseo de Roma, a Torre de Pisa, a Torre Eiffel de París, S. Basilio Moscú, a estatua da Liberdade de New York, o Cristo de Río de Janeiro, o Golden Gate de San Francisco, a Torre de Belén de Lisboa… aAlhambra de Granada, a Mezquita de Córdoba, a Xiralda de Sevilla… a Sagrada Familia de Barcelona… ademais iconos para o merchandising turístico. As atractivas e referentes cidades italianas, dende Roma a Venecia, pasando por Florencia… o seu Sur, Nápoles, Siracusa… En Europa, Praga; en Canadá, Quebec; en Guatemala, Antigua… e, como non? Toledo, Badaxoz, Salamanca…

Competición por figurar no listado de Patrimonio da Humanidade na que seguen a competir os pobos, como xeito de ser e de existir, de reclamo. Entre tantas extravagancias para perpetuar egos e que mesmo non chegaron a rematarse, que haber hainas

E nese top ten de monumentos galegos, que cadaquén saberá razoar, comezaríamos, mesmo por intercalar entre as marabillas do mundo, á catedral de Santiago con tanto de summa teológica das artes e mesmo das tradicións, co Pórtico da Gloria, o Obradoiro, o bailar do Botafumeiro e a cidade de Compostela. En subxectiva selección elixiríamos, de seguido, o Tegra, na Guarda, como Ostium Minique é, as portas do Miño. En terceiro lugar poñeríamos a coruñesa Torre de Hércules que resume a vocación mariñeira dun país de Cabo do Mundo. Non merecen menos as Murallas de Lugo e canto elas coutan. Pola metade do listado estaría a catedral de Ourense e dentro dela os seus altares, co antolóxico barroco dedicado ao Santo Cristo. Seguiriamos coa inclusión de San Andrés de Teixido nos camiños de Ortegal, resumo da permanente ascese… E claro, rematado os 10, quedarían tantas outras cousas por sumar, castelos, pazos, mosteiros, as minas das Médulas, o Cebreiro, Tui, Ribadavía, Combarro… a beleza da Coruña, coas súas galerías, de Pontevedra, de Allariz,de Celanova, de Viveiro, de Ribadeo…

Sabemos que queda moito que facer nese saber equilibrar tradicións históricas con innovacións, na rehabilitación e revitalización. E esas sinxelas belezas ensombrecidas pola pomposidade. Sabemos tamén que calquera idea ben sacada pode significar un lugar no mapamundi: o Manneken Pis de Bruxelas, a Sereíña de Copenhague, o londinense paseo de peóns deAbbeyroad… e xa non digamos o Banco das estrelas de Loiba

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar